Os sindicatos da función pública pedíronlle á Xunta a retirada do anteproxecto de Lei de medidas no emprego público


10 feb 2012



10-2-2012.- Na reunión de hoxe da mesa xeral da función pública, as organizacións sindicais trasladáronlle á Xunta de Galicia o seu rexeitamento ao anteproxecto de Lei de medidas no emprego público e pediron a retirada da proposta.

Protesta de hoxe diante da EGAP
Para Comisións Obreiras, o anteproxecto incorpora unha serie de medidas «moi gravosas» no que atinxe ao emprego público, que afectan tanto ao persoal funcionario e docente non universitario, como ao laboral e ao estatutario. Segundo Ramiro Otero, coordinador da Área Pública de CCOO de Galicia, a proposta da Xunta carece de rigor, tanto desde o punto de vista formal como de técnica normativa, situación que produce «inseguridade xurídica».

En opinión de Ramiro Otero, con este anteproxecto «perderíanse unha serie de dereitos que se lograron a través da negociación», e constituiría unha aposta, por parte da Xunta de Galicia, a prol da destrución de emprego público. «Isto acentuaría a recesión económica», advirte o coordinador da Área Pública de CCOO.

Otero denuncia, ademais, que a proposta do Goberno galego «vulnera o dereito á negociación colectiva», pois suspende ou modifica de xeito unilateral acordos e convenios no sector público e no V Convenio Colectivo Único para o persoal laboral da Xunta.

A Xunta debe reflexionar

Ao mesmo tempo que se reunía a mesa, preto de 300 persoas manifestáronse diante da Escola Galega da Administración Pública (EGAP) en apoio dos postulados sindicais. Esta participación, sumada ás 3000 persoas que se manifestaron onte diante da Xunta de Galicia no mesmo sentido, «débenlle servir á Xunta para reflexionar», afirma Otero.

Así as cousas, o coordinador da Área Pública de CCOO trasladoulle á Xunta de Galicia a «vontade de diálogo» dos sindicatos para, unha vez retirado o anteproxecto, «atoparmos solucións alternativas para combater a crise que non se baseen no recorte de dereitos nin na deterioración dos servizos públicos».