Principais pntos da reforma laboral


10 feb 2012



Publicado en Praza Pública

Fátima Báñez co presidente da CEOE, Joan Rosell

O Goberno de Rajoy vén de desprenderse de calquera recato que puidera estar vixente para aprobar unha reforma laboral que, en esencia, reducirá o custo do despedimento, eliminará a autorización administrativa previa no caso dos expedientes de regulación de emprego e permitirá que as empresas de emprego temporal (ETTs) actúen como axencias de colocación. Punto e final ás incertezas. Acabouse a especulación pola vía do decreto. A reforma "extraordinariamente agresiva" está aprobada e entrará en vigor de xeito inmediato.

Son moitos e diversos os puntos no que se introducen cambios. Para o Goberno esta é a lei definitiva que axudará a crear "emprego de calidade" e a "eliminar a dualidade do mercado". Un despedimento máis barato, áxil e de fácil tramitación acabará, ou así o espera o Ministerio de Emprego, coas dúbidas dos empresarios á hora de contratar de xeito indefinido. Para as persoas que están no paro, tal e como adiantou onte este diario, facilitaráse o emprendemento mediante a capitalización do subsidio de desemprego. As pemes recibirán subvencións por mantemento do seu cadro de traballadores. A dualidade do mercado laboral pretende finiquitarse, xa que logo, cun menor custo para os empresarios á hora de contratar, despedir e de recibir (no caso das pemes) subvencións.

Os puntos da reforma

  • Un dos aspectos que vertebran esta nova lei, e que non foi analizado na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, é a que afecta aos empregados públicos. Ábrese a posibilidade de que os organismos e entidades que forman parte do sector público invoquen "causas económicas, técnicas, organizativas e de produción" para adelgazar o seu cadro de persoal. Esta medida "pretende facilitar o redimensionamiento daquelas estruturas administrativas que creceron desmesuradamente durante a fase de forte crecemento económico e que non son sustentables desde un punto de vista financeiro no momento actual, nin existe unha previsión de que o sexan nos próximos anos". Duro golpe á chamada administración paralela e a organismos públicos cun excesivo nivel de custos de persoal sobre o orzamento xeral do que dispoñen.
  • Até o de agora, unha empresa que quería presentar un Expediente de Regulación de Emprego (ERE), aludindo a causas económicas, requerían do visto e prace da autoridade laboral competente. Agora non terán que pedir autorización previa á administración.
  • Co obxectivo de "evitar o despedimento", simplifícanse os trámites para reducir a xornada de traballo ou suspender o contrato como mecanismo de axuste "ante situacións de diminución da demanda". Elimínase a autorización administrativa necesaria para levar a cabo a medida.
  • O Executivo de Rajoy asegura que é a súa intención a de "sumar esforzos" na procura de "búsqueda de emprego". Para iso, consideran que é unha boa opción que as empresas de traballo temporal (temporal, non indefinido) actúen como axencias de colocación. "En ningún caso as ETTs cobrarán aos traballadores", puntualiza o Goberno.
  • Os contratos "para a formación e a aprendizaxe" poderán asinarse ata os 30 anos. Ata ese umbral de idade eleva Fátima Báñez o "desemprego xuvenil". "Tras esgotar un período de formación nunha actividade", o traballador poderá utilizar esta modalidade de contrato noutros sectores, o que "mellorará o seu empleabilidad e permitiralle unha segunda oportunidade", sempre segundo o criterio do Goberno. A xente máis nova poderá mudar de emprego de xeito constante tendo só un contrato en prácticas, moi pouco remunerados.
  • Os contratos temporais non poderán ter unha vixencia superior (coa suma dos mesmos) aos dous anos. Este cambio é unha modificación dun regulamento que puxo en marcha o Goberno de Zapatero.
  • As empresas poderán modificar libremente as funcións que deben asumir os seus traballadores. Tamén poderán cambiar o horario laboral, o salario ou o sistema de rendemento
  • Os empresarios poderán non aplicar o convenio colectivo de ámbito superior se así o desexan, de xeito que poderán reorganizar as condicións do seu cadro de traballadores segundo as súas necesidades. Os convenios colectivos non poderán prorrogarse máis alá de dous anos despois de ter caducado.


Publicado o 10/02/2012 en http://praza.com

Enlace permanente: http://goo.gl/QVvYO