Contra os recortes, mobilización


7 feb 2012






No día de onte, 7 de febreiro, CCOO, CIG, UGT e CSIF, únicos Sindicatos que teñen representación e capacidade de negociación na Mesa Xeral de Función Pública, convocamos unha rolda de prensa para transmitir o máis absoluto rexeitamento á totalidade das medidas previstas pola Xunta de Galicia no seu anteproxecto de Lei de medidas para o emprego público de Galicia, (ampliación horario de traballo, posibilidade de reducir ata 1/3 a xornada e o salario dos funcionarios interinos, supresión de días de asuntos particulares, supresión do Fondo de Acción Social, etc.), que foi remitida ás organizacións sindicais o pasado venres, 3 de febreiro.

As anteriormente mencionadas Centrais Sindicais tamén fixemos pública a nosa negativa a realizar alegacións ao documento remitido por la Xunta de Galicia, xa que o consideramos un ataque gratuíto aos empregados e empregadas públicos e, como consecuencia, á calidade dos servizos públicos que prestan.

Na rolda de prensa os representantes das catro organizacións sindicais coincidiron en denunciar o continuo ataque que sofren os empregados e empregadas públicos, que son postos constantemente no centro dunha diana, como culpables dunha crise que non provocaron, pero que, por el contrario, pagan en primeira persoa.

Dende CCOO entendemos que a campaña de desprestixio e de recortes de dereitos laborais dos Empregados/as Públicos, oculta a intención de xustificar un recorte drástico dos piares básicos do Estado Social e de Benestar, que custou conseguir, con loita, máis de 30 anos. A falta de inversión nos servizos públicos e a deterioración das condicións de traballo do persoal que os presta, fan que se falsee a súa eficacia e este falseamento serve de desculpa ou xustifica a privatización dos mesmos.

As organizacións sindicais presentaron ademais o calendario de mobilizacións unitarias para loitar contra estas medidas e que se concretan en:


9 de febreiro: Concentración de delegados e delegadas de toda Galicia diante de San Caetano ás 12:00 horas.

16 febreiro: Concentracións de traballadores e traballadoras en todos os centros da Xunta de Galicia, ás 12:00 horas.

23 febreiro: Concentracións nas sete capitais de Galicia ás 19:00 horas.


As catro organizacións sindicais non desbotaron a posibilidade de incrementar a contundencia das mobilizacións, se o Goberno do Sr. Núñez Feijoo non rectifica.

Dende CC.OO queremos agradecer a todos aqueles Sindicatos que no teñen representación na Mesa de Función Pública de Galicia a súa adhesión ás reivindicacións de CCOO-CIG-UGT-CSIF, e como non podía ser menos esperamos a súa presenza e apoio ás mobilizacións dos día 9, 16 y 23 de febreiro, en defensa do SERVIZO PÚBLICO e DOS FUNCIONARIOS/AS PÚBLICOS/AS


Descarga de arquivos: