CCOO rexeita os novos recortes de dereitos laborais a empregadas e empregados públicos


19 ene 2012



Para o sindicato, esta é a «peor maneira posible» de afrontar a situación de axuste





19-1-2012.- A Área Pública de CC OO de Galicia rexeita «frontalmente» a intención da Xunta, coñecida hoxe a través dos medios de comunicación, de insistir en recortes de dereitos das empregadas e empregados públicos. Comisións denuncia que as medidas non só van afectar o persoal do sector público, senón que repercutirán negativamente na calidade na prestación dos servizos aos que a cidadanía ten dereito.

Para CC OO, esta é «a peor maneira posible» de afrontar unha situación de axuste. O sindicato lamenta que se filtren «globos sonda» para condicionar a opinión pública na crenza de que este colectivo, nun contexto de crise e axustes nas empresas, está integrado por «privilexiados e privilexiadas».

Ramiro Otero, coordinador da Área Pública de CC OO de Galicia, critica que a Xunta estea a pór en perigo uns servizos públicos «que tanto esforzo custou conseguir» a base de aplicar «parches» e de pensar máis nos titulares de prensa «que na necesidade real de atender con criterios xustos os problemas que a súa xestión está a ocasionar». Se o Goberno galego persistir nesta actitude «teranos en fronte», advertiu.

Para CC OO, o «lóxico» sería que estas cuestións fosen tratadas nos órganos de negociación, particularmente a mesa xeral de empregadas e empregados públicos, ademais de pór en marcha os procesos de diálogo previos para avaliar as diferentes posibilidades. Segundo Otero, este colectivo xa padeceu «demasiado» os sucesivos recortes practicados desde hai case dous anos polos Executivos central e autonómico, cunha mingua salarial do 5% primeiro, a conxelación do salario despois e a non reposición de vacantes, entre outras medidas.