Declaración do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia con motivo da celebración do Día da Patria Galega de 2011


25 jul 2011



Coma nos dous anos anteriores, o Día da Patria Galega de 2011 volve estar marcado pola situación de crise económica. O Goberno español non deu respondido a tempo ás dificultades económicas, e no último ano só o soubo facer anunciando unha serie de recortes sociais e laborais. Diante disto, o sindicalismo de clase do que forma parte CCOO convocou unha folga xeral o pasado 29 de setembro e, máis recentemente, promovemos unha iniciativa lexislativa popular (ILP) para reverter os aspectos máis lesivos da reforma laboral. Precisabamos 500.000 sinaturas e logramos un millón. Grazas a este esforzo, a ILP foi validada hai poucos días e terase que debater no Congreso dos Deputados.

A mobilización sindical e o éxito da folga xeral foron determinantes para equilibrar a relación de forzas entre o Goberno e a clase traballadora: abriuse un novo escenario máis favorable á negociación. O Acordo Social e Económico, asinado o 2 de febreiro, fortaleceu e fixo máis solvente o sistema público de protección social. O diálogo social estatal, que parecía recuperado co acordo, volveuno romper meses despois o Executivo central sucumbindo ás presións dunha patronal crecida polos resultados das últimas eleccións municipais —e tamén autonómicas na maior parte do Estado—, así como ás presións europeas, promovendo unha reforma da negociación colectiva sensiblemente afastada dos postulados defendidos polos sindicatos e lonxe tamén dos contidos que centraron a maior parte do debate sobre a materia.

Cómpre sinalar que as políticas aplicadas polo Goberno non son outra cousa que unha translación acrítica das deseñadas pola Unión Europea. Primeiro foi o Pacto de Estabilidade, agora o Plan de Gobernanza e o Pacto polo Euro, que prevén dotar as institucións europeas dos instrumentos para vixiar, controlar e castigar os Estados membros que non cumpran os obxectivos de déficit público e débeda pública, e facer gañar competitividade aos países periféricos mediante a redución dos custos laborais, a debilitación da negociación colectiva e a perda de calidade dos sistemas de protección social e dos servizos públicos.

Unha reforma feita sen consenso resulta inútil e completamente innecesaria, está orientada a lanzar unha nova mensaxe aos mercados e os mercados xa teñen demostrado ser insaciables e non se conformar con ningunha reforma. Produciuse, xa que logo, un retroceso histórico que tamén ha de ter a súa resposta. A primeira, nos ámbitos provincial, sectorial e intersectorial, nos que reforzaremos a nosa posición negociadora para que sexa neles onde se fixen as condicións mínimas, como poden ser o salario ou a clasificación profesional.

Para CCOO, a saída da crise só será posible con medidas orientadas a que esta sexa xusta e equitativa. Son necesarias políticas que garantan unha repartición máis equitativa dos custos da crise, que non deixen as solucións nas mans de quen a provocou. Para iso cómpre forzar un cambio na orientación das políticas europeas, tal e como estableceu o recente congreso da Confederación Europea de Sindicatos.

Reclamamos unha reforma fiscal que garanta os ingresos necesarios a través dunha recadación máis xusta e equitativa, co fin de paliar as cargas que supoñen as políticas de redución do déficit entre os sectores máis débiles da poboación. Proceder a unha reforma do sistema financeiro que, á vez que vela pola solvencia das entidades, poña límites ás operacións especulativas e garanta que o crédito flúa ás familias, autónomos e pequenas empresas, de maneira que sirva para activar o consumo e o investimento. Urxe abordar un verdadeiro cambio de modelo produtivo para que o país recupere a senda do crecemento sobre bases distintas das que nos levaron a esta situación.

Recortes nos orzamentos da Xunta

Nun momento en que a intervención do sector público na economía é absolutamente necesaria para contribuír á reactivación da actividade económica e compensar a inhibición da iniciativa privada e a falta de crédito para empresas e familias, xorde unha nova ameaza de recorte dos xa minguados orzamentos da Xunta de Galicia para o 2011 se o Goberno central non accede a aboar os 243 millóns de euros correspondentes ao Fondo de Cooperación que, de maneira irresponsable, a Xunta orzou para este ano.

Xa na presentación do anteproxecto de orzamentos, CCOO denunciou a incongruencia de incluír neles uns ingresos, e polo tanto uns gastos inherentes, dos que non se dispuña. Hoxe, case un ano despois, a realidade teimuda amosa uns compromisos de gasto aos que a Xunta non pode facer fronte e que obrigarán, salvo un cambio de posición do Executivo estatal, a un novo recorte dos orzamentos para o 2011. Desde Comisións Obreiras, como xa fixemos, rexeitaremos calquera recorte nos orzamentos que afecte á creación de emprego, a protección das persoas e o mantemento dos servizos públicos.

Defensa dos servizos públicos

A defensa dos servizos públicos é un dos cabalos de batalla de CCOO. Negámonos a que sexan continuamente obxecto de recortes cos que se pretende empeorar a súa prestación, e así, ao cabo, traspasalos a mans privadas. Reclamamos e esiximos uns servizos públicos de calidade, e para iso reclamamos que se doten e aseguren os recursos necesarios. A Xunta de Galicia continúa instalada nunha política de presión e desprestixio contra as empregadas e empregados públicos. O último caso vímolo no ámbito do ensino público, onde se modificaron unilateralmente as condicións de traballo do colectivo de docentes, o que dará como resultado a destrución de numerosos postos de traballo e, en resumo, peor calidade do ensino. Xa nos mobilizamos o pasado 28 de xuño, e continuarémolo facendo en setembro, no inicio do curso escolar.

O emprego público non é un lastre senón unha garantía para o Estado do benestar. Pero a Xunta non o entende así. A sanidade e a educación públicas, entre outros servizos, están hoxe máis en perigo ca nunca, están a ser atacadas desde dentro, polos que teñen a responsabilidade e a obriga de defendelas. Recortar a sanidade, a educación, os servizos sociais ou os investimentos públicos, entre outros, comportará máis persoas paradas, menos e peores servizos públicos para toda a cidadanía e unha saída da crise máis tardía e con máis desigualdades. Como exemplo, o Sistema de Atención á Dependencia (saad). Un estudo divulgado polo noso sindicato revela que case a metade das persoas con dereito a prestación aínda non recibiron a axuda á que teñen dereito.

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia reiterou en numerosas ocasións que a construción nacional debe incluír por forza o desenvolvemento de todas as capacidades necesarias para lograr unha sociedade xusta. E para iso é necesario, hoxe máis ca nunca, defender os elementos constitutivos do noso Estado do benestar. Desde CCOO facemos unha aposta por manter e ampliar os servizos públicos de calidade como factor de cohesión social e fonte de emprego. A política de recortes nos sectores públicos está chegando ás administracións locais a medida que o foco de atención da redución do déficit se vai desprazando cara a estas institucións.

Crise no sector naval

Finalizamos este manifesto cunha mención especial ao sector naval galego, que actualmente atravesa unha grave crise, tanto pola falta de pedidos como pola propia situación dalgunhas das súas empresas máis significativas, xa que aos casos de Cíes, Factoría Naval de Marín ou Vulcano, únese agora Barreras. Todo isto provocou un duro axuste do emprego no sector, que pasou de ter 8.000 persoas traballando ás 4.000 da actualidade. O anuncio de Bruxelas de eliminar as bonificacións fiscais á construción de buques —coñecidas como tax lease— suporía o encarecemento das construcións e o afundimento do sector.

Neste contexto, os axentes económicos e sociais do sector reclamámoslle ao Goberno central que habilite mecanismos alternativos á tax lease mentres Bruxelas non se pronuncie definitivamente sobre a súa legalidade. O obxectivo, evitar que continúen paralizadas as contratacións no sector, o que agravaría aínda máis a situación. Paralelamente a esta posición, desde o anuncio de que Barreras presentaría o concurso de acredores, iniciouse un proceso mobilizacións no sector, que se botou ás rúas o pasado 14 de xullo e se manifestou novamente o pasado día 21, xa co inestimable apoio da cidadanía.

Santiago de Compostela, 25 de xullo de 2011

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia