Publicado no Diario Oficial de Galicia do 20 de xuño
Escola Galega de Administración Pública
Escola Galega de Administración Pública
RESOLUCIÓN do 14 de xuño de 2011 pola que se convocan accións formativas para empregados públicos da Administración de xustiza de Galicia e se aproban as bases para a participación nestas accións formativas.
A Administración pública en xeral e, en particular, a Administración de xustiza de Galicia debe contar cuns servizos áxiles, accesibles e próximos aos cidadáns, e que dean resposta ás súas demandas e problemas.
Para cumprir este obxectivo, os empregados públicos son o principal activo e deben converterse no factor decisivo para lograr unha Administración máis doada, áxil e eficaz. Desde esta perspectiva, a Escola Galega de Administración Pública pretende potenciar a modernización, calidade e profesionalización da Administración a través da formación e o perfeccionamento dos empregados públicos.
O IV Acordo de formación para o emprego das administracións públicas subscrito entre as organizacións sindicais representadas na Comisión Xeral de Formación para o emprego das administracións públicas, sinala que a formación de todos os empregados públicos constitúe unha necesidade imprescindible para conseguir os obxectivos permanentes de eficacia e de modernización.
Aprobado o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2011 polo Consello Reitor, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, modificada pola Lei 10/1989, do 10 xullo, convócanse os cursos de formación para empregados públicos da Administración de xustiza de Galicia do ano 2011 cuxas bases, características e contidos son detallados nos anexos desta resolución.
RESOLVO:
Publicar a convocatoria composta polos cursos que figuran no anexo II, que deberán desenvolverse segundo as bases, características e contidos detallados no anexo I desta resolución.
Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2011.
Pablo Figueroa Dorrego
Director da Escola Galega de Administración Pública
ANEXO I
Bases para a participación nas accións formativas
Primeira. Requisitos dos participantes.
a) Poderán participar nas accións formativas anunciadas nesta resolución os empregados públicos dos corpos de xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e auxilio xudicial e médicos forenses da Administración de xustiza en Galicia en situación de servizo activo ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar.
b) Os membros das bolsas de interinos dos corpos de xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e auxilio xudicial da Administración de xustiza, dependentes da Comunidade Autonóma de Galicia.
c) Toda persoa solicitante que ao inicio do curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado e deberase comunicar de inmediato esta incidencia á EGAP.
Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación.
a) Os cursos realizaranse cos requirimentos, duración e condicións que para cada un deles se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web da EGAP, http://egap.xunta.es.
b) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou en varias sesións presenciais das actividades. Cando un alumno teña coñecemento de que foi seleccionado nun curso que teña coincidencia horaria con outro para o cal xa fora seleccionado debe renunciar a un deles. No caso de que se comprobe con posterioridade a realización simultánea de varias actividades, non se expedirá certificación de ningunha delas e o alumno non poderá participar noutros cursos durante o prazo dun ano desde que se detecte este feito.
c) Nas accións formativas, cómpre salientar a incorporación de contidos prácticos que respondan ás necesidades reais dos alumnos. Cada acción formativa terá, como mínimo, o 25% de horas de formación de carácter práctico.
Terceira. Solicitudes.
a) O persoal que desexe participar nos cursos publicados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática que está dispoñible na zona de matrícula na páxina web da EGAP http://egap.xunta.es. Non son admisibles outras formas nin modelos de solicitude de matrícula.
b) Con carácter previo á matrícula é necesario formalizar o rexistro dunha conta na zona de matrícula da EGAP para solicitar cursos de formación, dándose de alta como novo usuario. Nesta alta previa faise recomendable facilitar conta de correo electrónico e teléfono móbil para recibir mensaxes de convocatorias, selección de candidatos e outra información relativa ás actividades de formación da EGAP.
c) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude oficialmente establecida no punto anterior ou sexan presentadas fóra de prazo.
d) As solicitudes non poden realizarse ata que se convoquen as actividades e se abran os prazos de matrícula. Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización dos prazos de presentación de solicitudes.
e) O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais desde o día da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
f) O número máximo de cursos en que se pode solicitar participar nesta convocatoria limítase a cinco.
g) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á EGAP a través do número de teléfono 981 54 62 46/981 54 62 57 ou do enderezo de correo electrónico xestión.egap@xunta.es, ou fax 981 54 63 39, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.
h) As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na EGAP no enderezo da internet http://egap.xunta.es/matricula unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
i) No caso de que os interesados necesiten presentar documentación complementaria que acredite circunstancias específicas para os efectos da selección, poderán remitir á EGAP unha copia do formulario de matrícula e a devandita documentación por fax ao número 981 54 63 39 ou correo electrónico ao enderezo xestión.egap@xunta.es, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38.4.º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
A devandita documentación deberá presentarse dentro do prazo a que fai referencia o apartado e) desta base.
j) No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos nalgún curso, poderá completarse o número de alumnos asignados a eles mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das novas persoas candidatas.
Cuarta. Criterios de selección.
a) Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG número 7, do 10 de xaneiro).
O baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos cales o 60% estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40% restante á antigüidade na Administración de acordo coa fórmula que se vai empregar, a cal se publicará na páxina web da EGAP. Se hai empate, desfarase de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo.
b) Aplicarase o criterio de non preferencia para aqueles solicitantes que nas convocatorias do ano 2010 incorresen nalgunha das incidencias que nelas se regulaban, como a renuncia fóra de prazo e abandono non xustificados e a falsidade ou ocultación de datos persoais. Estes solicitantes só accederán ás actividades de quedaren prazas vacantes.
c) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.
d) Nos cursos que teñan varias edicións, terá preferencia na selección efectuada para cada unha das localidades programadas o persoal que teña o seu posto de traballo nelas.
e) A EGAP poderá solicitar en calquera momento aos centros directivos dos cales dependan os solicitantes ou á xefatura de persoal da entidade correspondente documentación acreditativa da veracidade dos datos contidos na solicitude e, en especial, un informe acreditativo da adecuación do perfil do solicitante ao contido do curso nas accións formativas específicas.
f) Así mesmo, poderá ser solicitado o asesoramento dos profesores na materia dos cursos cando sexa conveniente para unha mellor selección e a homoxeneización do grupo de alumnos, para o que poderán ser establecidas probas previas de nivel.
Quinta. Publicación das relacións do persoal seleccionado e renuncias.
a) A EGAP publicará no taboleiro de anuncios da páxina web da EGAP http://egap.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 59.6.º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, para unha maior difusión serán informados da súa selección a través do correo electrónico e mensaxe telefónica os que faciliten eses datos na alta de matrícula. As persoas que non figuren nesta relación ocupan un posto máis afastado na lista de reservas, ou ben foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria.
b) O persoal seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas xustificadas sempre que se acredite o feito alegado a través da documentación pertinente. A renuncia, xunto co documento acreditativo, debe ser comunicada por escrito á EGAP, por fax ao número 981 54 63 39 ou correo electrónico xestión.egap@xunta.es, cunha antelación de tres días hábiles anteriores ao inicio do curso co fin de cubrir a vacante. A renuncia fóra de prazo ou non acreditar documentalmente a causa que a produce suporá a exclusión do seleccionado nas convocatorias durante o prazo dun ano contado desde a data de finalización do curso, de acordo co disposto na Resolución do 4 de xaneiro de 2008, pola cal se fan públicos os criterios de participación nas actividades docentes da Escola Galega de Administración Pública.
c) Non serán admitidos en ningún caso cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.
Sexta. Asistencia aos cursos.
a) Durante a realización das actividades formativas levarase un control permanente de asistencias a través dos sistemas que se establezan para o efecto en que os alumnos e profesores deben facer constar como incidencia as ausencias dentro de cada sesión. Isto implica que o persoal que participe nos cursos terá que anotar como incidencia a hora de chegada ou saída, no caso de non coincidir coa duración oficial do curso, para poder acreditar o tempo que faltou. De non facelo así e realizarse un control de asistencia extraordinario, perderá o dereito a recibir o certificado.
b) É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos. Unicamente poderá autorizarse a ausencia por causas xustificadas, que se acreditará documentalmente ante o servizo competente da EGAP, ou a persoa responsable do curso, nun prazo máximo de 10 días despois de que este finalice e que, en ningún caso, poderá superar o 10% das horas lectivas. A ausencia aínda xustificada superior ao 10% do total das horas lectivas suporá a perda do dereito á expedición do diploma.
c) A falta de asistencia dun número de horas superior ao 10% das horas lectivas sen xustificación ou a falta de acreditación documental da causa alegada determinará non só a perda do dereito ao certificado acreditativo da participación no curso senón que os participantes poderán ser excluídos das convocatorias das actividades formativas da EGAP durante o prazo dun ano contado desde a finalización do curso.
Sétima. Certificados.
a) A EGAP poderá expedir dúas clases de certificados, de asistencia e de aproveitamento. A convocatoria de cada acción formativa determinará que tipo de certificado corresponderá aos alumnos que participen nos cursos.
b) Outorgaráselle o correspondente certificado de asistencia ao alumnado que participe con regularidade e dedicación no desenvolvemento dos cursos. Para os efectos de avaliar os coñecementos adquiridos polo alumnado, a EGAP poderá fixar a realización das probas que considere oportunas.
c) Outorgaráselle certificado de aproveitamento ao alumnado dos cursos que así estableza a convocatoria. A expedición deste certificado requirirá cumprir o mínimo de asistencia establecido para esa actividade, así como a superación do sistema de avaliación da aprendizaxe adecuado a cada actividade, mediante diferentes instrumentos, do cal se terá coñecemento antes do comezo ou durante o desenvolvemento da actividade formativa. En caso de non superar as probas establecidas tampouco se facilitará certificado de asistencia.
Oitava. Realización de probas.
a) Para poder superar os cursos o alumado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará ao final deste, tanto na modalidade de teleformación, como nos cursos que se impartan de xeito presencial. As probas poderanse desenvolver de xeito descentralizado nas sedes que se determinen ao comezo de cada acción formativa.
b) As persoas solicitantes de cursos de teleformación deberán dispor dun teléfono de contacto e dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:
– Ordenador con conexión á internet.
– Navegador da internet.
– Conta de correo electrónico especificada na solicitude.
Tamén se requirirán coñecementos de manexo de ordenadores no nivel de usuario, da internet, de navegadores e de correo electrónico.
c) Con carácter xeral os cursos na modalidade de teleformación realízanse na modalidade de cursos con certificado de aproveitamento. Para poder acadar este certificado nos cursos de teleformación é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade. Se non se cumpren estes requisitos, en ningún caso se expedirá o certificado de aproveitamento nin o de asistencia. Estes requisitos son:
– Lectura detallada dos contidos do curso. Cada curso ten uns contidos teóricos que deben ser revisados na plataforma. Para verificar este requisito poderá establecerse para cada actividade un tempo mínimo de conexión de forma global ou por módulos.
– Adecuada realización de todas as actividades que o titor propoña. Estas deben constar como aprobadas no momento en que se determine na plataforma. En cada curso determinarase o sistema de superación das actividades e a posibilidade ou non de repetilas.
– Realización e superación das probas de avaliación que se establezan. A superación da actividade será determinada polo correspondente titor do curso, que informará da superación do sistema de avaliación por parte dos alumnos á EGAP.
d) Ao inicio do curso, publicarase na propia plataforma de teleformación o programa do curso sinalando as probas de avaliación que se establecen para esa actividade, así como as datas en que estas terán lugar. Salvo que se determine outra cousa, nestes cursos as probas de avaliación finais serán presenciais nos lugares e nas datas que se establezan. A EGAP informará a través da páxina web e tamén a través da plataforma de teleformación das datas concretas e das horas da proba final.
Novena. Facultades da EGAP.
a) A EGAP resolverá aquelas incidencias que poidan producirse no desenvolvemento e na xestión dos cursos, e pode suprimir algún, ampliar novas edicións da programación ou programar outros cursos diferentes cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia. Así mesmo, correspóndelle á EGAP prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.
b) A execución material das accións queda condicionada á existencia de crédito orzamentario axeitado e dispoñible e á autorización correspondente do gasto.
c) No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50% das prazas convocadas, a EGAP reserva para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.
d) A EGAP poderá modificar o desenvolvemento e os contidos dos cursos, as datas e os lugares, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir. Todas as modificacións que afecten o desenvolvemento dos cursos serán anunciadas na páxina web da escola.
ANEXO II
Teleformación.
Curso | Edicións | Horas | Prazas | Datas | Localidade |
– Área de coñecementos transversais | |||||
A nova oficina xudicial | 1 | 25 | 50 | 2.11.2011- 1.12.2011 | Teleformación |
A nova oficina xudicial | 1 | 25 | 50 | 13.1.2012- 13.2.2012 | Teleformación |
A nova oficina xudicial | 1 | 25 | 50 | 14.2.2012- 14.3.2012 | Teleformación |
A nova oficina xudicial | 1 | 25 | 50 | 15.3.2012- 16.4.2012 | Teleformación |
Formación sobre o traballo nos servizos comúns xerais | 1 | 25 | 50 | 2.11.2011- 1.12.2011 | Teleformación |
Formación sobre o traballo nos servizos comúns xerais | 1 | 25 | 50 | 13.1.2012- 13.2.2012 | Teleformación |
Formación sobre o traballo nos servizos comúns xerais | 1 | 25 | 50 | 14.2.2012- 14.3.2012 | Teleformación |
Formación sobre o traballo nos servizos comúns xerais | 1 | 25 | 50 | 15.3.2012- 16.4.2012 | Teleformación |
Organización xudicial | 1 | 25 | 50 | 2.11.2011- 1.12.2011 | Teleformación |
Información e atención ao cidadán | 1 | 25 | 60 | 3.10.2011- 2.11.2011 | Teleformación |
Xénero e igualdade na Administración de xusticia | 1 | 20 | 50 | 3.10.2011- 2.11.2011 | Teleformación |
Prevención de riscos laborais | 1 | 30 | 50 | 3.10.2011- 2.11.2011 | Teleformación |
Violencia de xénero e familiar. Tramitación | 1 | 30 | 50 | 3.10.2011- 2.11.2011 | Teleformación |
– Área de normativa e organización autonómica | |||||
Dereito civil de Galicia | 1 | 25 | 60 | 3.10.2011- 2.11.2011 | Teleformación |
Dereito civil de Galicia | 1 | 25 | 60 | 13.1.2012- 13.2.2012 | Teleformación |
Execución civil | 1 | 25 | 50 | 2.11.2011- 1.12.2011 | Teleformación |
Execución civil | 1 | 25 | 50 | 13.1.2012- 13.2.2012 | Teleformación |
Execución civil | 1 | 25 | 50 | 14.2.2012- 14.3.2012 | Teleformación |
Execución civil | 1 | 25 | 50 | 15.3.2012- 16.4.2012 | Teleformación |
Execución civil | 1 | 25 | 50 | 17.4.2012- 16.5.2012 | Teleformación |
Iniciación a Administración electrónica e seguridade da información e protección de datos | 1 | 25 | 50 | 3.10.2011- 2.11.2011 | Teleformación |
– Área de proceso de traballo | |||||
Curso básico de protección de datos | 1 | 25 | 50 | 3.10.2011- 2.11.2011 | Teleformación |
Certificado dixital | 1 | 25 | 50 | 2.11.2011- 30.11.2011 | Teleformación |
Open Office Writer básico | 1 | 25 | 50 | 3.10.2011- 2.11.2011 | Teleformación |
Open Office Calc básico | 1 | 25 | 50 | 3.10.2011- 2.11.2011 | Teleformación |
– Área de idiomas | |||||
Lingua inglesa | 1 | 80 | 50 | 15.9.2011- 15.12.2011 | Teleformación |
Lingua inglesa | 1 | 80 | 50 | 16.1.2012- 16.4.2012 | Teleformación |
– Área específica do sector competencial | |||||
Execución penal: análise das normas de aplicación. Guías de tramitación | 1 | 25 | 50 | 3.10.2011- 2.11.2011 | Teleformación |
Xulgados de garda e xulgados de instrución. Xestión do servizo de garda | 1 | 30 | 50 | 3.10.2011- 2.11.2011 | Teleformación |
Prevención de riscos laborais | 1 | 25 | 50 | 3.10.2011- 2.11.2011 | Teleformación |
Presenciais.
Curso | Edicións | Horas | Prazas | Datas | Localidade |
– Área de coñecementos transversais | |||||
Formación de mandos intermedios da oficina xudicial | 1 | 30 | 20 | 7.11.2011- 22.11.2011 | Santiago de Compostela |
– Área doutros | |||||
Curso de titores interinos | 1 | 20 | 30 | 19.9.2011- 28.9.2011 | Santiago de Compostela |
– Área específica do sector competencial | |||||
Curso de histopatoxía para médicos forenses | 1 | 12 | 30 | 20.10.2011- 21.10.2011 | Ourense |
Valoración do dano corporal da patoloxía do xeonllo para médicos forenses | 1 | 12 | 30 | 1.ª quincena de diciembre | Santiago de Compostela |
– Área de proceso de traballo | |||||
Visión xeral das TIC na Administración de xustiza | 1 | 20 | 20 | 9.1.2012- 16.1.2012 | A Coruña |
Visión xeral das TIC na Administración de xustiza | 1 | 20 | 20 | 14.3.2012- 21.3.2012 | A Coruña |
Visión xeral das TIC na Administración de xustiza | 1 | 20 | 20 | 13.2.2012- 20.2.2012 | Ferrol |
Visión xeral das TIC na Administración de xustiza | 1 | 20 | 20 | 26.4.2012- 3.5.2012 | Ferrol |
Visión xeral das TIC na Administración de xustiza | 1 | 20 | 20 | 17.1.2012- 24.1.2012 | Lugo |
Visión xeral das TIC na Administración de xustiza | 1 | 20 | 20 | 22.3.2012- 29.3.2012 | Lugo |
Visión xeral das TIC na Administración de xustiza | 1 | 20 | 20 | 25.1.2012- 1.2.2012 | Ourense |
Visión xeral das TIC na Administración de xustiza | 1 | 20 | 20 | 10.4.2012- 17.4.2012 | Ourense |
Visión xeral das TIC na Administración de xustiza | 1 | 20 | 20 | 2.2.2012- 9.2.2012 | Pontevedra |
Visión xeral das TIC na Administración de xustiza | 1 | 20 | 20 | 18.4.2012- 25.4.2012 | Pontevedra |
Visión xeral das TIC na Administración de xustiza | 1 | 20 | 20 | 23.11.2011- 30.11.2011 | Santiago de Compostela |
Visión xeral das TIC na Administración de xustiza | 1 | 20 | 20 | 6.3.2012- 13.3.2012 | Santiago de Compostela |
Visión xeral das TIC na Administración de xustiza | 1 | 20 | 20 | 27.2.2012- 5.3.2012 | Vigo |
Visión xeral das TIC na Administración de xustiza | 1 | 20 | 20 | 7.5.2012- 14.5.2012 | Vigo |
Curso de formación avanzada nos sistemas de información no ámbito de xustiza | 1 | 50 | 25 | 31.10.2011- 22.11.2011 | Santiago de Compostela |