Faleceu Fernando Pérez-Barreiro Nolla


6 ene 2010


 

perez-barreiro 

Pérez-Barreiro, á esquerda, recollendo o premio DF de mans de Loureiro

 

Publicado en www.diariodeferrol.com

 

O escritor, xornalista e tradutor ferrolán Fernando Pérez-Barreiro Nolla faleceu o luns en Lancaster, onde residía, debido a unha infección respiratoria. O seu enterro, nesta mesma localidade inglesa, oficiarase o xoves 14.

Pérez-Barreiro naceu en Ferrol en 1931. Era fillo dun dos últimos directores de El Correo Gallego, antes da venda desta cabeceira e do seu traslado a Compostela. Licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago e chegou a exercer, aínda que moi brevemente, esta profesión. Estivo vencellado a diversos persoeiros da cultura galega que traballaban desde Ferrol, en especial co grupo Aturuxo, e con numerosos intelectuais do país. En 1963 marcha coa súa muller, Teresa Barro, a vivir a Londres, para traballar para a BBC. Foi realizador, redactor e locutor de programas de radio dos Servizos Exteriores da cadea para España ata 1969, incluíndo na súa programación espazos en galego.

Exerceu como xefe dos servizos de tradución da Organización Internacional do Café ata 1993, á que seguiu posteriormente vencellado. Neste eido, deu clases en distintas universidades británicas (Westminster e Thames Valley) e estranxeiras e foi responsable de varias traducións do inglés e do chino á súa lingua natal. De feito, en 1972 publicou “Macbeth” en Galaxia, na primeira tradución de Shakespeare ó galego. De 1982 é “Flores e leña”, unha escolla da narrativa corta china moderna. En 1985 gañou, coa súa muller, o Premio Nacional de Tradución de Libros Infantís e Xuvenís (concedido polo Ministerio de Cultura) pola súa tradución ó galego de “Alicia no país das marabillas”, de Lewis Carroll. Co seu “Breviario do pensamento clásico chinés”, de 2005, obtivo o premio de tradución Plácido Castro.

En Londres, foi un dos fundadores do Grupo de Traballo Galego, en 1970, que proporcionou material didáctico en galego ás escolas de aquí. Esta asociación aínda segue a existir e a promocionar a lingua e a cultura galega.

Precisamente polo compromiso e polo traballo de Pérez-Barreiro en prol da lingua, foille outorgado o Pedrón de Honra en 2005. Ó ano seguinte, o xurado dos premios Diario de Ferrol decidiu concederlle o galardón de Cultura. Os recoñecementos continuaron e o ano pasado, a Xunta valorou a súa lúcida traxectoria vital coa Medalla Castelao.

Era académico correspondente da Real Academia Galega e membro do consello asesor do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi).

Pérez-Barreiro viaxaba a Galicia, onde tiña coñecidos e aínda algún parente, sempre que podía. A súa traxectoria é un exemplo de intelectual cosmopolita (coñecía ata sete idiomas) que é quen de manter vivas as súas raíces e de comprometerse co seu país.

 

Más información na Galipedia. Preme aquí

http://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Fernando_P%C3%A9rez-Barreiro_Nolla&oldid=1390970