Mesa sectorial (18/11/2025)


19 nov 2025


 




                 Máis dúbidas que certezas no noso futuro laboral


Tribunais de instancia

O deseño apresurado dun modelo da xustiza que é o cambio máis importante da
historia, está a deixar un mar de incertidume nun sistema que entra en vigor o 2 de
xaneiro: non existe ningún tipo de publicidade para os Protocolos de actuación,
deseñados polos secretarios coordinadores, determinando funcións sen
negociación, e mantidos no máis absoluto secretismo a corenta días da entrada en
vigor da Fase III das sete cidades galegas, algo inaceptable a xuizo de CCOO, que
dende a Dirección Xeral, quen debera pilotar a transición, son incapaces de mudar.

Si se apresurou a Xunta para cesar a todos os reforzos, como máximo ata o 15 de
decembro, e dar por finalizadas as prolongacións de xornada a 30 de novembro,
cando se trata de aforrar aí si hai so certezas.

Non hai respostas sobre os cambios físicos que se están planificando nos edificios
xudiciais dende “altas instancias”, sobre o mantemento das funcións do SCA do
TSXG, corpo de auxilio, ou en xeral sobre como se van desenvolver os traballos a
efectuar por cada unha das seccións, todo derivado a uns protocolos que non
aparecen por ningures.


Carreira profesional

Preséntannos un documento que non cumpre cos requisitos mínimos para ter o voto
favorable de CCOO, nin de ningunha outra organización sindical:

Esiximos unha negociación real, non estar á espera do que se acorde na Xunta, con
porcentaxes de 60/80/100, que poidan acollerse todos os compañeiros ecompañeiras
ata o 31/12/2025, que os cursos de linguaxe xurídica computen como formación,
que se equiparen no tempo os grados de xestión e médicos forenses co resto de corpos,
e que dunha vez se estableza un sistema automático para que
cando se cumpran os anos de antigüidade e a formación se consolide o grado, tal e
como sucede cos trienios.

Adiamos a negociación ata que se peche pola administración autonómica para os
seus funcionarios, pero en todo caso, a convocatoria abrirase, con efectos
retroactivos dende xaneiro de 2025, en marzo de 2026.


Extensión do prazo para pedir as vacacións

A petición de toda a mesa elimínase a limitación para que se beneficien deste prazo
so os afectados pola Fase III e pasa a ser un dereito para todo o cadro de persoal,
polo que se poderán solicitar ata o 31 de marzo con independencia do centro no que
se traballe.

Dende CCOO demandamos un control da denegacións de vacacións ou permisos
sen xustificación que se están a producir nalgúns órganos, so co motivo da entrada
en vigor dos Tribunais de Instancia.


Comisións de servizo, sustitucións, complemento de violencia.

Preséntannos tres documentos de cara a súa negociación, temos de prazo ata o 25
de novembro para facer alegacións, e é previsible que se negocie en mesa no mes
de decembro.

A paralización da oferta de prazas en comisión ou sustitución, está a lastrar a moitos
xulgados e sobrecargar aos compañeiros, polo que urxe a súa regulación.


Xulgados de violencia comarcalizados

Un despropósito lexislado dende o Ministerio, ademais dun claro ataque ás mulleres
vítimas da violencia machista. Ter un Xulgado que abarque toda a provincia de
Ourense, ou gran parte dos concellos limítrofes con Santiago, é un modelo que non
garante dereitos, nin para as mulleres nin os de índole laboral, cunha previsible
saturación de asuntos que o persoal non poderá asumir.

A Xunta deféndese argumentando que instalará sistemas de videoconferencia en
todos os partidos dependentes destes xulgados, pero a xustiza de proximidade é
especialmente importante nestes asuntos e a medida non vai ser suficiente.


Acordo para o incremento do complemento específico

Este acordo, lineal para todos os corpos, de 225 euros a aplicar en tres anos,
cunhas porcentaxes de 40-30-30, está pendente do informe da Dirección Xeral de
Función Pública, a intención é que poida ser cobrado xa na nómina de xaneiro.


Atenea

O novo programa que substitúe a Minerva, non vai estar preparado para xaneiro,
cando todo o modelo teña cambiado, o programa informático non estará adaptado, o
cal volve a por de manifesto a precipitación e improvisación de Xunta e Estado na
implantación dos Tribunais de Instancia.


Vacantes logo da confirmación

A vindeira semana darase traslado das vacantes xeradas logo do proceso de
confirmación, ás que serán ofertadas as persoas que pasan a reordenación.

Solicitamos que a aquelas persoas que non puideron ser confirmadas, se lles
notifique expresamente que pasan a reordenación, con fin de abrirlles un prazo de
reclamación.