O galego na administración de Xustiza


13 dic 2009


 

[ Publicado en www.amesanl.org ]

 

letra-g

 

A Mesa denuncia que os falantes de galego teñen un trato de 'cidadáns de segunda' na Administración de Xustiza

[13/12/2009]

Un xuíz de Padrón négase a que se traduza documentación solicitada en galego, mentres outro maxistrado en Alcorcón considera que o idioma de Galiza é un idioma inútil

A asociación recoñece a “sensibilidade polo galego” do ministro Francisco Caamaño, mais reclama “as medidas que faltan para que na administración de xustiza se garanta o dereito ao uso do galego”

 

A administración de xustiza non só está formalmente desgaleguizada, senón que vulnera a lexislación en todo o que ten de recoñecemento do idioma propio de Galiza. Así o afirma o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, que se dirixiu ao Goberno central, á Xunta, ao Valedor do Pobo e ao Defensor para lles reclamar que “se adopten as medidas para que as galegas e os galegos que queremos usar o noso idioma non sexamos considerados cidadáns e cidadás de segunda”.

Callón observa que “os mesmos trámites que en castelán se poden facer de xeito automático, na inmensa maioría dos xulgados ou ben se negan ou ben implican unha demora se queres realizalos en galego, a pesar de que tanto a lexislación como os tratados internacionais recoñecen ese dereito básico”. O portavoz da Mesa pon como exemplo o caso recente dun cidadán que solicitou que as partes dun xuízo en Padrón se dirixisen a el en galego, ao cal o maxistrado se negou. Cando esa mesma persoa solicitou que a documentación que se lle entregase estivese redixida nesta lingua, como tamén estabelece a lei, respondéronlle que tería que agardar varios días.

“Acaso un cidadán que queira vivir en galego non ten os mesmos dereitos como administrado que outro que queira facelo en castelán? Obtén este cidadán unha diminución no pagamento dos seus impostos por ter que aturar unha dilación xudicial polo único motivo de solicitar que o trámite sexa nunha lingua oficial, a propia, do seu país?”, pregúntase o dirixente da maior asociación cultural de Galiza.

A esta situación hai que sumarlle un “clima de insensibilidade cara á diversidade idiomática do Estado español”, que xa teñen denunciado organismos internacionais como o Consello de Europa. Non doutro xeito se poden explicar prexuízos como os manifestados por un xuíz de Alcorcón, que nun auto ditado sobre un réxime de visitas de menores nun proceso de separación, dentro dun dos seus fundamentos xurídicos, ditaminaba que se podería producir “desarraigo” se as nenas afectadas se trasladasen a Galiza, por existir o galego, un idioma que considerou sen “ninguna utilidad práctica”. A Mesa sinala que son “argumentos sumamente desprezativos coa nosa lingua, inxustos e alteradores da convivencia social, por canto están baseados no descoñecemento e nuns inaceptábeis prexuízos de racismo lingüístico, de considerar que hai linguas e culturas útiles fronte a linguas e culturas inútiles”.

Porén, non só é a cidadanía quen ten que aturar esta vulneración dos seus dereitos lingüísticos, pois o propio funcionariado ten que padecer que non exista documentación en galego nos espazos onde traballa, como son os casos dos Xulgados núm. 6 e núm. 7 de Vigo, que a Consellaría que dirixe Alfonso Rueda segue sen solucionar, a pesar de que A Mesa xa se puxo en contacto coa Xunta en máis ocasións.

Carlos Callón critica tamén con contundencia o incumprimento da Lei de normalización lingüística no referido a toponimia e pon como exemplo a sala 3ª do contencionso-administrativo do Tribunal Supremo (*La Coruña) ou a páxina web do propio Ministerio de Xustiza, que acumula “despropósitos” como *El Pino, *Caldas de Reyes, *Valle del Dubra, *La Baña, *Cabaña, *El Ferrol, *La Coruña,*Mellid, *Noya, *Puebla del Caramiñal, *Puerto del Son, *Villalba, *Vivero, *O Carballino, *Puebla de Trives, *Orense, *Bayona, *La Cañiza, *La Estrada, *Porriño, *Puente-Caldelas, *Puenteareas, *Tuy, *Villagarcía de Arosa, *Villanueva de Arosa.

O presidente da Mesa reclama que “situacións como esta se corrixan con urxencia”, para o cal apela tanto “á obriga de cumprir coa legalidade e cos tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos” como “á sensibilidade que Francisco Caamaño ten demostrado polo galego”.