Out08
Fonte: Verónica Palleiro (faro de vigo.es)

Aínda que non se recibiron novos casos, o cadro de persoal intentou continuar traballando entre cestos e plásticos colgados para recoller as continuas goteiras que se filtran dende o teitume do edificio, aínda en obras.
A primeira hora e despois de retirar parte da auga acumulada, os xulgados abriron seguindo o seu horario habitual. Non obstante, cando chegaron os xuíces decidiuse pechar o edificio ao público por seguridade. "É un perigo, nesta situación calquera pode esvarar e caer", comentou unha das funcionarias que como o resto dos seus compañeiros ten que acudir ao traballo con calzado adecuado para camiñar sobre os charcos.
O cableado tampouco está a bo recado no edificio xudicial. En contacto coa auga, un cable pelado podería provocar que algún dos empregados ou usuarios sufrisen unha descarga eléctrica.
Na primeira planta, onde se garda o ordenador central tamén hai auga, por iso o sistema informático do xulgado corre perigo.
Os arquivadores de preitos acumúlanse en varias salas, mesmo no chan, por falta de espazo, son de cartón e coa chuvia molláronse, a tinta está humedecida e os documentos de papel, deteriorados.
Aínda que se levantou xa a nova planta na que se situará o Xulgado número 3, as reformas non finalizaron. Ata agora, o cadro de persoal soportou ruídos e polvaredas pero as inundacións acabaron coa paciencia de traballadores.
O responsable de Xustiza de CC OO, Pablo Valeiras, quen atribúe a situación a "unha falta de previsión", púxose en contacto coa Dirección de Recursos Humanos da Xunta e solicita unha inspección de traballo. Pola súa banda, a xuíza decana informou do caso a Dirección Xeral de Xustiza.