A demanda dun xulgado de violencia de xénero en Ourense


7 oct 2008


Out07
Máis dun centenar de persoas concentráronse en Ourense para reclamar un Xulgado Exclusivo de Violencia de Xénero


Máis dun centenar de persoas concentráronse esta mañá ante o Pazo de Xustiza da cidade de Ourense co obxectivo de reclamar a creación dun Xulgado Exclusivo de Violencia de Xénero na capital de Ás Burgas durante o próximo ano 2.009.

Na concentración estiveron presentes xuíces, secretarios, avogados, procuradores, representantes do Concello de Ourense, da Deputación Provincial, partidos políticos, así como asociacións, colectivos e veciños da cidade de Ourense.

Entre os representantes políticos, destacou a presenza do presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar; o vicepresidente da institución provincial e ex alcalde de Ourense polo PP, Enrique Nóvoa; ou o senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, así como edís do BNG e PP no Concello de Ourense.

Os participantes nesta concentración despregaron unha pancarta na que se podía ler: "Xuzgado de Violencia de Xénero Xa. Non Máis Discriminación coa Xustiza en Ourense".

O voceiro da Xunta de Persoal da Administración de Xustiza de Ourense, Edesio Fuentes, asegurou que este acto serve para "reivindicar" este Xulgado Exclusivo de Violencia de Xénero porque "pensamos que, despois de Coruña e Vigo, Ourense é a terceira cidade galega" e "debe ter un Xulgado de Violencia e así dio a Lei de Violencia de Xénero"

Edesio Fuentes sinalou que "ademais de que o poñan en Santiago e Pontevedra, tamén é necesario e conveniente en Ourense" porque, baseándose en cifras, "o número de asuntos que aquí se tramitan en violencia de xénero superan o número de Pontevedra e Santiago"

Na súa intervención recalcou que é a "primeira vez" que se leva a cabo unha concentración similar promovida polos propios funcionarios e asegurou que agora esperarán por "unha resposta do goberno autonómico".

"Queremos outras demostracións e non promesas políticas porque se quedan en nada" sinalou Fuentes, quen engadiu que "o"están anunciado a bombo e a prato pero este ano non hai ningunha dotación no presuposto do ano que vén para iniciar a licitación de obras".

O voceiro da Xunta de Persoal da Administración de Xustiza manifestou que dende o Goberno "non só "hai que prometer" senón que se cumpra" e "Ourense non quede ao final de todo".

Fonte: Europa Press