Lingua e Xustiza


8 oct 2008


Out08
O Colexio de Avogados de Santiago organiza a segunda edición da xornada “Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización”



O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza a segunda edición da xornada “Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización”.

Esta xornada, dirixida ao mundo da avogacía e da xustiza en xeral, terá lugar o vindeiro martes 21 de outubro de 2008, ás 19:00 h no salón de actos do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela. O aforo máximo é de 80 prazas e entregaráselles un certificado de asistencia a todas as persoas asistentes. A inscrición é de balde e só é necesario cubrir unha ficha de inscrición que se pode descargar na páxina web do colexio de avogados www.icasantiago.org.

Coma na pasada edición, o obxectivo principal desta xornada é reflexionar acerca do proceso de normalización que se está a vivir no ámbito da xustiza, así como ofrecer experiencias positivas e novas perspectivas que favorezan o uso normal da lingua galega no exercicio xurídico.

Nesta edición participarán como relatores o fiscal superior do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela García, e en representación da Real Academia Galega, Xesús Ferro Ruibal, membro académico numerario e investigador.