Pola convivencia lIngüística e a igualdade de dereitos para o galego


23 jul 2008


Xul23
Trinta persoas de todos os eidos da sociedade galega promoven o “Manifesto a prol da convivencia lingüística e da igualdade de dereitos para o galego”







Este mediodía presentouse en Santiago de Compostela o “Manifesto a prol da convivencia lingüística e da igualdade de dereitos para o galego”, promovido por unha trintena de persoas representativas de diferentes eidos da sociedade galega. O documento, que foi lido polo presentador da TVG Xosé Manuel Piñeiro, comeza lembrando que “o pobo galego ten dereito a que a súa lingua propia, orixinaria, sexa oficial a todos os efectos” e denuncia os intentos de “convencer á opinión pública de que o castelán corre perigo de desaparición e que os seus falantes son discriminados no noso país”. Esta “inversión da realidade” ten como obxectivo, segundo os promotores do manifesto, “que os falantes do galego non teñan dereitos lingüísticos e que os únicos deberes para as Administracións públicas se vinculen ao castelán.”



“É o galego o que corre perigo como idioma e os galego falantes os que non son debidamente respectados. Vivimos unha grande inxustiza que é a negación da igualdade e da verdadeira convivencia”, salienta o manifesto, que apela ás institucións de autogoberno a se compromoteren “na defensa da plena igualdade de dereitos para o galego e na aplicación de medidas a favor da normalización dos seus usos”.



Ao manifesto poderán sumarse os colectivos e cidadáns que así o desexaren a través do web da Mesa e doutras páxinas.



Fonte: A MESA