Xul28
A Secretaría da Muller da Federación de Servizos e Administracións Públicas de CCOO reclamou ao Goberno a creación dun protocolo contra o acoso sexual na Administración do Estado, tal como establece a Lei de Igualdade.
O sindicato formulará esta petición na primeira reunión que celebra a Comisión Técnica de Igualdade e Trato de Oportunidades de Mulleres e Homes, un organismo creado en 2007 e dependente da Administración Xeral do Estado (AGE).
A comisión desenvolverá cuestións como a sinatura dun convenio de colaboración co Instituto da Muller do Ministerio de Traballo, a cooperación para a incorporación dunha linguaxe non sexista nas administracións púbicas e a promoción de iniciativas para a implementación do respecto e o fomento da igualdade na AGE.
Esta primeira reunión estará presidida pola secretaria de Estado para a Administración Pública, Mercedes Elvira de Palacio Tascón, con presenza da secretaria xeral de Igualdade, Isabel María Martínez Lozano.
A Comisión Técnica de Igualdade e Trato de Oportunidades de Mulleres e Homes foi creada ao amparo do recollido na Lei para a Igualdade efectiva de mulleres e homes e a Lei do Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP), ambas as dúas aprobadas en 2007.