Mai16

- O tradutor Es-Gl permite realizar traducións de textos de ata 2.500 caracteres e páxinas web no enderezo www.xunta.es/tradutor
- A secretaría xeral traballa na actualidade para poñer en funcionamento as versións galego-castelán, galego-inglés e inglés-galego
- Un prototipo do tradutor galego-catalán estará tamén dispoñible en breve
Segundo se informa na páxina web da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de aloxar no portal web da Xunta de Galicia, con acceso libre e gratuíto, o tradutor automático castelán-galego. Desde hoxe, calquera persoa interesada poderá acceder ao enderezo web www.xunta.es/tradutor e traducir páxinas web e textos de ata 2.500 caracteres.
Os traballadores da Administración autonómica levan traballando co tradutor Es-Gl desde hai aproximadamente dous anos, nunha versión que permite un maior volume de tradución. Así mesmo, distribuíronse licenzas desta aplicación en concellos, no Parlamento de Galicia, nos centros de ensino, na Administración de xustiza, nos medios de comunicación e na Administración periférica do Estado, entre outras entidades. Agora, esta ferramenta tecnolóxica de altas prestacións, que foi desenvolvida no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en colaboración coa empresa Incyta Multilanguage, ponse á disposición libre de toda a cidadanía.
Novos pares de linguas
Na actualidade, está en proceso de elaboración unha nova ferramenta para abordar a tradución automática do galego ao castelán. Esta versión foi adxudicada recentemente nunha convocatoria pública, na que tamén se incluíu o primeiro tradutor inglés-galego e galego-inglés.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística planifica desenvolver novas aplicacións con outras linguas que faciliten a chegada de textos escritos en galego a outros idiomas, e viceversa. No marco estatal, está xa perfilado o prototipo de tradución automática galego-catalán.
Con estas actuacións dáselle cumprimento a un dos obxectivos xerais do Plan xeral de normalización da lingua galega no sector transversal das novas tecnoloxías, que establece a necesidade de potenciar a investigación na tradución automática e a presenza do galego nas novas tecnoloxías da fala.