No día de hoxe os traballadores e traballadoras da xustiza dixemos basta aos abusos laborais e basta de arbitrariedade. A implantación dos Tribunais de Instancia, derivados da Lei Orgánica 1/2025, de 2 de xaneiro, de medidas en materia de eficiencia do Servicio Público de Xustiza, está a provocar un menoscabo deste piar básico do estado de benestar, ademais dun recorte inédito de dereitos dos traballadores e traballadoras das sedes xudiciais da cidade.
Este deterioro repentino vén dado da improvisación e neglixencia da Dirección Xeral de Xustiza, dependente da Consellería de Presidencia de Diego Calvo, quén busca como único obxectivo o aforro económico, antepoñéndoo á calidade do servizo público da xustiza.
A día de hoxe a determinación máis importante tomada pola Dirección Xeral foi a eliminación de todos os reforzos o pasado día 15 de decembro, o que supuxo que moitos órganos que velan por materias sensibles viran mermados os seus cadros de persoal.
A nova reorganización está baseada na especialización, pero o que non se ten en conta é que a Xustiza, ao igual que o Ensino ou a Sanidade, non é unha cadea de montaxe como a dunha fábrica de automoción onde uns pintan e outros pulen, se non que detrás de cada procedemento con persoas e problemas graves que afectan a dereitos fundamentais, que requiren dunha resposta áxil e eficiente. Esta especialización está derivando nun colapso, toda vez que pese a que a nova lei puidera ser positiva, a improvisación política está conducindo o servizo ao fiasco, sen planificación, sen investimentos en medios materiais e persoais, sen adecuación dos medios informáticos, con oficinas compostas por funcionarios de ata cinco prazas diferentes, ou prazas distribuidas en diferentes plantas, o que xenera confusión e caos.
Todo este cambio supuxo un cambio de modelo radical na organización xudicial, moitas persoas viron como deben levar unha nova materia e non houbo ningún esforzo en dar a oportuna formación nin no ámbito xurídico nin no ámbito informático, desbotando por completo ademais un dereito consolidado no século XXI como é o teletraballo.

