Mesa sectorial de xustiza ( 09-03-2023)


10 mar 2023








No día de onte, nove de marzo, tivo lugar na EGAP mesa sectorial de xustiza, entre as organizacións sindicais con representación e a Dirección Xeral.



· O punto principal a tratar foi o Protocolo de acoso, que xa viña sendo traballado polo Comité de Seguridade e Saúde dende hai máis dun ano, e que, malia ser aprobado e elevado a definitivo para ser aprobado no Consello da Xunta, debe vir complementado por un Protocolo específico de acoso sexual e mais de fórmulas de mediación previas á activación do Protocolo, co fin de evitar, con formación e información, que se produzan esas situacións no ámbito laboral. En ámbolos dous puntos existe unanimidade por parte do Director Xeral como das organizacións sindicais para que sexa obxecto de negociación no futuro inmediato.



Para CCOO tamén é fundamental, ademais de por imperativo legal, porque é realmente imprescindible, a implantación dun Plan de igualdade, asunto que vimos demandando en solitario nas últimas mesas e sobre o que non existe concienciación sobre a súa urxente necesidade por parte da Administración.



· Outro punto que está a provocar graves prexuízos á cidadanía e un ataque aos dereitos laborais é a situación dos Xulgados de Violencia sobre a Muller, ao borde do colapso, con xornadas maratonianas por parte dos compañeiros que non son retribuídas de forma manifestamente ilegal. Dada a sensibilidade especial que hai que prestar a esa materia, dende CCOO propuxemos a declaración de urxencia para crear un Xulgado de Violencia en cada unha das sete grandes cidades, pero evitando a comarcalización co fin de non continuar nun colapso indefinido. Ademais incidimos na ilegalidade que está a cometer a administración, ao non retribuír a xornada por riba dos límites ordinarios que se vén obrigados a cumprir neses xulgados. Propomos un complemento de penosidade específico, ou, a elección do traballador, a posibilidade de compensación en xornadas, tempo por tempo.



A Dirección Xeral unicamente comprometeuse a facer cumprir as normas de reparto e á creación dun novo Xulgado de VSM en Santiago, que estendería as súas competencias entre outros a Ribeira ou Padrón. Isto non é suficiente para CCOO, e suporía someter ás vítimas a desprazamentos nunha situación manifesta de vulnerabilidade, polo que non nos parece un esforzo adecuado, precísanse máis medios e con máis dotación económica.



· Por fin, unha histórica demanda de CCOO vai ter algún tipo de resposta por parte da Xunta de Galicia. Referímonos á formación de entrada de persoas que a precisan por calquera circunstancia, ben sexa por vir doutra comunidade, interinos sen experiencia, ou simplemente persoas que cambian de xurisdición, e por unha fórmula que nós mesmos propuxemos, que é mediante a prolongación de xornada a compañeiros do mesmo órgano, de non habelos outros que se ofrezan da mesma xurisdición, por un mes prorrogable por outro. Porén, CCOO considera que debe regularse de forma específica nunha resolución, con fin de evitar discordancias e non deixar a circunstancias arbitrarias determinar quen ten dereito a acollerse a esta posiblidade, tanto a formar como a ser formado.



· Deuse conta do concurso de traslado, para CCOO unha nefasta noticia que haxa ata 93 vacantes, 23 no corpo de Xestión Procesual, 26 en Tramitación e 44 en Auxilio. Coas bolsas esgotadas, a lentitude nos procesos selectivos e a imposibilidade de acollerse a comisións de servizo por parte de compañeiros do territorio ministerio, vanse producir sobrecargas de traballo si ou si, e é necesario de forma urxente anticiparse e por solucións, ben reformulando as bolsas ou ben esixindo ao Ministerio que os que están fóra da comunidade poidan participar nas ofertas de provisión por Comisión.



A maiores CCOO demandou que se aplicase o permiso retribuído dun mes para os reingresados, contemplado na Disposición Adicional 5ª, no RD 364/1995, que é negado sistemática e incomprensiblemente por ser normativa estatal. Parece que a Dirección Xeral so se acolle a esa normativa no que nos prexudica e desbótase cando nos beneficia. Un despropósito, anunciamos a nosa firme convicción de que é un dereito e anunciamos un recurso en vía xudicial.



Máis datos do concurso: dez persoas marchan fóra da comunidade, 3 de XP, 6 de TP e 1 de auxilio. Trinta e nove veñen a Galicia, 12 de xestión, 18 de tramitación e 9 de auxilio.



· Traxectoria profesional: comunícasenos que o segundo grao de médicos forenses e xestores aboarase na nómina de marzo ou, de non ser posible por cuestións técnicas e a máis tardar, na de abril.



· Déusenos traslado dunha proposta de Calendario laboral e do borrador de nova regulación da bolsa de Médicos forenses. CCOO xa está traballando á hora de mellorar ambos textos facendo alegacións.



· Outros asuntos de interese:



Ø Estanse licitando máquinas vending para os principais edificios xudiciais que non as teñan xa.



Ø O expediente electrónico e a súa descarga para profesionais está a ser implantado cunha experiencia piloto na cidade de Ourense.



Ø Xa se licitaron as obras para o edificio da Parda en Pontevedra.



Ø O sistema ordinario da traxectoria profesional non se está a negociar, a Dirección Xeral achácao ao atraso que está a sufrir na administración autonómica, á que, segundo eles, debemos ir acompasados.



Ø En breve comezará o reparto de máis de mil portátiles dispoñibles, esiximos un método claro de reparto, co fin de evitar problemas ulteriores.



Ø A Xunta négase a poñer un so euro para Plans de recuperación con motivo da folga de letrados, pensamos que os traballadores non deben pagar nin as consecuencias da folga doutro corpo nin as disputas entre Xunta e Ministerio, e esa vai ser a nosa postura firme.


Para ver a folla informativa, preme aquí