EGAP: convocatoria do Programa de autoformación


5 abr 2022









Hoxe publícase no DOG a Resolución do 31 de marzo de 2022 pola que se convoca o Programa de autoformación para o persoal ao servizo das administracións territoriais, institucionais e entes públicos instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma, así como para o persoal da Administración de xustiza de Galicia e de administración e servizos (PAS) das tres universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG

A autoformación oriéntase cara á adquisición de coñecementos e habilidades de xeito autónomo, pois a persoa participante asume un papel activo no proceso de aprendizaxe a través do emprego das tecnoloxías da información e da comunicación. Ao mesmo tempo, esta modalidade permite achegar as actividades da Escola a un maior número de persoas ao servizo da Administración, especialmente a aquelas que, por barreiras xeográficas ou razóns de conciliación, non poden optar pola modalidade presencial. Ademais, con este programa procúrase unha maior independencia do alumnado para elaborar o seu propio plan de aprendizaxe, sen o condicionamento dos prazos.


As persoas que desexen participar no Programa de autoformación dispoñen de dúas opcións, compatibles entre elas pero independentes unha da outra: por unha banda, poden acceder aos contidos das actividades sen máis trámite que o de inscribirse na zona de matrícula da EGAP, tal e como se prevé no anexo I. Por outra banda, poden solicitar presentarse ás probas de avaliación reguladas no anexo II que lles ofrecen a posibilidade de acreditar a súa competencia mediante a obtención dun certificado de equivalencia.

Cómpre ter en conta que o acceso aos contidos non implica a obriga de presentarse ás probas de avaliación, nin é tampouco un requisito para matricularse nelas, pero só as persoas que se matriculen nestas probas e as superen teñen dereito a obter un certificado de equivalencia, que ten o mesmo valor que un de aproveitamento. En concreto, as probas de avaliación superadas nesta modalidade de formación valoraranse conforme o que establezan as bases dos concursos que convoque, no seu día, a Dirección Xeral da Función Pública.

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 31 de maio de 2022.

As solicitudes de participación nas probas de avaliación só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

O número máximo de probas de avaliación das actividades do Programa de autoformación que se poden solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a cinco.


Para ver a Resolución completa, preme aquí