CCOO esixe que non se paralice o avance na carreira profesional


10 nov 2021


 



Un feito histórico na xustiza, como a carreira profesional, sen precedentes en todo o Estado, nin no ámbito ministerio, nin en territorios transferidos, e que supón incrementos retributivos de mínimo 80 euros ao mes, non debera ser utilizado como arma arroxadiza entre compañeiros e compañeiras, e debe continuar o seu avance, tanto no acceso aos seguintes graos, que corresponde no 2022, como na extensión ao persoal interino, como estaba previsto no propio acordo, que literalmente di: Unha vez acadado o acordo necesario na Mesa Xeral de Negociación da Función Pública de Galicia, ao persoal interino ao servizo da Administración de xustiza aplicaráselle o sistema de recoñecemento da traxectoria profesional nos mesmos termos que se establezan para o persoal interino da Administración xeral da Xunta de Galicia.


O acordo asinado por CCOO xunto con USO e UGT, permitiu a implantación da carreira, primeiro chanzo dun incremento retributivo sustancial e progresivo no tempo, tanto para o persoal titular como para o persoal interino, que se acadou incluír no acordo e unicamente restaba o paso de aprobalo en función pública, xa qeu tiña partida orzamentaria para iso. A xudicialización, as descualificacións, o conflito permanente por intereses particulares, a negativa de negociación e entendemento, o único que fan é prexudicar tanto os dereitos dos compañeiros e compañeiras, que ven con incertidume como periga o necesario incremento retributivo, como a desidia pola labor sindical, enleada nunha voráxine de agresións verbais sen fin.


No día de hoxe tivo lugar unha reunión da comisión de seguimento do acordo que propiciou a carreira profesional, a creación de novas prazas e a retribución das substitucións entre outros, e na que CCOO conclúe:


- Non existe ningunha resolución xudicial firme, e polo tanto ningunha escusa, que impida a apertura dos seguintes graos na carreira profesional. Malia todo, a Xunta determina que o consolidado e o prazo restante de Xestión están garantidos e supedita a unha consulta xurídica o que por dereito e publicado corresponde.


- Debe articularse dende xa o sistema acordado no documento publicado no DOG, o acceso á carreira do persoal interino.


- De non continuar no avance da carreira profesional, CCOO tomará as medidas legais oportunas, xa que o acordo do Consello da Xunta está vixente en todos os seus extremos e a súa paralización sería unha decisión unilateral da Xunta de Galicia.


Noutro orde de cousas, no seguimento do acordo, comunicouse:


- A aprobación da creación para o ano 2022 de 57 novas prazas, das que 11 serán destinadas ás fiscalías, para cumprir a ratio 1 funcionario/a – 1 fiscal/a e 6 ao xulgado do mercantil de nova creación da Coruña. As 50 restantes non están pechadas e proporemos as máis necesarias, como Arzúa, Penal 3 de Lugo ou os Xulgados de Violencia, ademais das faladas na reunión: Imelga, Betanzos, Caldas de Reis, Instancia nº13 da Coruña, Oficinas de Rexistro e Reparto, Decanatos, Viveiro 1, Ribeira, Penal 2 de Ferrol, Vilagarcía ou Cambados entre outras.


- Respecto ao CAT, no acordo reflectírase que debera estar na media do Estado, para garantir unha retribución xusta, a día de hoxe tanto Auxilio como Tramitación o están, non así Xestión que está nos complementos, por distintos acordos noutras comunidades, no posto 10, polo que cómpre un alza de 12 euros mensuais para cumprir o acordo ao corpo de Xestión Procesual, e outro por determinar a Médicos Forenses.