Solicitude Mesa Negociacion a DXX


24 abr 2020



O sector de xustiza de CCOO Galicia insta de forma inmediata á Dirección Xeral a abordar de forma negociada a decalaxe no ámbito xudicial.

A posible publicación dun Real Decreto onde se conteñan como puntos esenciais a mobilidade e prestación de traballo por quendas de mañá e tarde debe ser negociada e, en todo caso, garantindo as máximas medidas de protección tanto para a cidadanía como para os traballadores e traballadoras, polo que CCOO solicita:

  • Unha mesa de negociación previa a calquera resolución, en cumprimento do artigo 37.1 do EBEP, cunha orde do día onde se aborde de forma inicial a elaboración dun plan de teletraballo, para o que CCOO ten unha proposta clara, plans de actuación a medio prazo para evitar o colapso nun servizo público esencial, atendendo aos colectivos máis desfavorecidos polas circunstancias socioeconómicas derivadas da pandemia, anticipándonos ao cese do estado de alarma.
  • Que se garanta dentro do Comité de Seguridade e Saúde que, previamente a calquera aumento de incorporación de persoal, se doten dos medios necesarios (mamparas, xeles, luvas, máscaras) e as medidas de prevención oportunas (distancia mínima, atención con cita previa...) para a volta a normalidade. CCOO esixe que en tanto no se dea este mínimo de seguridade con protocolos claros e por escrito non debe haber ningún cambio nas directrices de traballo.
  • Que se dea entrada ao colectivo máis numeroso, os funcionarios e funcionarias, a través da súa representación sindical, na Comisión de seguimento no TSXG, xa que logo está a xerar confusión a súa posicións ás veces contraditoria co que vén regulado nos Reais Decretos do estado de alarma.
  • Que no canto de falar de mobilidade se implante un sistema de reforzos da bolsa de interinos para dotar de maiores recursos humanos á xustiza e, por ende, contribuíndo a paliar o desemprego atroz, atendendo a ámbitos como o social, familia ou violencia de xénero, principalmente afectados por esta crise.

CCOO considera que a dirección xeral non debe adiar máis a negociación obrigada do teletraballo, tendo en conta que as circunstancias derivadas da Covid 19 poden prorrogar a forma en que vai funcionar a xustiza no futuro, e serán as clases máis desfavorecidas, da man dos traballadores e traballadoras da xustiza, as máis prexudicadas se non se actúa de forma áxil, negociada e responsable.