O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, presidiron onte unha nova reunión da Comisión Mixta entre Xunta e Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, onde acordaron de maneira consensual a situación das novas unidades xudiciais que se porán en marcha na nosa comunidade o ano que vén.
Alfonso Rueda explicou que unha vez trasladada a dispoñibilidade do goberno central á creación de cinco novas unidades xudiciais en Galicia, tanto Xunta coma TSXG, en consenso cos representantes xudiciais e baseando a decisión en criterios obxectivos, acordaron hoxe a creación dun novo xulgado do social na Coruña, outro no Xulgado de Primeira Instancia en Ourense, unha praza de maxistrado na Sección Penal da Audiencia Provincial da Coruña e mais un xulgado de primeira instancia especializado en familia en Vigo, ademais dunha nova praza na Sala do Civil e do Penal do TSXG, que xa vén determinada dende o Ministerio de Xustiza.
Segundo destacou o máximo titular de xustiza do goberno galego, a posta en marcha destas novas dependencias xudiciais implica un importante esforzo orzamentario, xa que cada novo xulgado supón case 250.000 euros cada ano para as arcas autonómicas. Alfonso Rueda valorou positivamente este tipo de comisións entre Xunta e representantes xudiciais, que permiten reforzar a cooperación entre ambos e ofrecer unha xustiza mellor dotada e máis eficaz, o que redunda nun mellor servizo aos cidadáns.
Na reunión tamén se abordaron outros asuntos, coma os relativos ao Plan Senda de modernización ou os importantes avances que se teñen producido cara ao expediente xudicial electrónico a fin de lograr o obxectivo de papel cero. Amais, tamén se tratou da posta en marcha da sede xudicial electrónica, de cuestións de persoal e de reforzos.
No marco da reunión fíxose balance da situación do Plan de infraestruturas xudiciais, onde se destacou que xa están en funcionamento as novas infraestruturas de Ourense e Santiago, e a maiores, que en Vigo xa hai un gañador do concurso de ideas que está a elaborar o proxecto, co obxectivo de comezar a obra o vindeiro ano. Na cidade da Coruña está a piques de rematar a obra, polo que a Fábrica de Tabacos coma nova sede xudicial será unha realidade proximamente.