CCOO demanda maior axilidade na publicación das substitucións entre titulares


25 nov 2014




CCOO ven demandando de forma reiterada unha mesa sectorial para unha nova Orde de Substitucións que supere a de 7 de maio de 2008, que por mor dunha sentenza xudicial impide a retribución íntegra das mesmas, e vulnera o principio de a igual traballo, igual salario, contravindo a Directiva 1999/70 CE que establece que “non poderá tratarse aos traballadores cun contrato de duración determinada dunha maneira menos favorable que aos traballadores fixos comparables polo mesmo feito de selo” , directiva recollida amplamente na nosa xurisprudencia nacional e aplicable conforme á Sentenza Van Duyn do Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas, canon xurisprudencial fundamentado no efecto útil, que garante a invocación por parte dos particulares do Dereito Comunitario.

Así mesmo, a regulación das quendas demostrouse pola vía dos feitos como insuficiente e xeradora de discriminacións, ao non quedar cubertas as necesidades do servizo por ese sistema, co que na práctica as atribucións de funcións non retribuídas están a orde do día e precisa, para un mellor funcionamento do sistema dunha nova regulación negociada entre administración e organizacións sindicais en representación dos traballadores afectados.

Sen embargo, en tanto esa demanda inaprazable non se vexa satisfeita, pola arbitrariedade e falta de vontade negociadora da Dirección Xeral, cómpre que a orde que temos sexa aplicada estritamente e con transparencia, polo que pedimos:

A cobertura áxil por substitución das prazas que vaian quedar desocupadas por larga duración, tal e como establece a Orde, á petición xa reivindicada das substitucións do Xulgado de A Baña, Xulgado de Paz de Val do Dubra, Xulgado de 1ª Instancia e Instrución nº1 de Carballo e do SCNE de Ferrol, súmase a do Xulgado de Instrución nº3 da Coruña, cunha importante carga de traballo e que entrará de garda o vindeiro día 16 de decembro. 

Así mesmo demandamos transparencia no que atinxe as persoas que integran as quendas, a súa publicación no OPAX e dos diferentes chamamentos que se produzan coas persoas que exercen efectivamente ditas quendas. 

Galicia, 25 de novembro de 2014