Mesa técnica sobre o expurgo e a NOF


14 abr 2014




EXPURGO 

Con cinco semanas de retraso segundo o comprometido, celebrouse unha nova mesa técnica sobre o expurgo, para ao final saír peor que entramos. Do comentado polo Director Xeral en diferentes medios sobre a posibilidade de nomear reforzos para labores de arquivo, nada de nada. Onde dixen digo digo Diego. 

 As OOSS volvemos reiterar a necesidade do nomeamento de dúas prazas por provincia de funcionarios de reforzo itinerantes, persoal que estaría especializado e cualificado para facer o expurgo con máis eficacia e rapidez, necesidade que consideramos imprescindible porque do contrario suporá que teñamos que deixar o trámite ordinario dos asuntos para adicarnos a tarefas competencia do corpo de secretarios; ante a negativa do seu nomeamento, promoveremos distintas medidas de presión que evidencien a nefasta xestión do expurgo e o lamentable estado dos arquivos xudiciais. 

 Ademáis, criticamos a falta de organización do traballo dende a Dirección Xeral que provoca que sexan os secretarios e secretarias os que decidan quen e como fan o expurgo. De feito, quedou patente na propia mesa que o Director Xeral non coñecía como e onde se están a facer as labores de expurgo. Ante esta situación, e dado que non imos parar ate conseguir que a xestión dos arquivos se faga con rigor e eficiencia,quedamos emprazados para a celebración dunha nova mesa despois da Semana Santa trala convocatoria da Xunta de Expurgo.


  NOVA OFICINA FISCAL

Ante as informacións erróneas difundidas por sindicatos sen representación nas mesas de negociación, queremos informar a todo o persoal que a Dirección Xeral nos trasladou documentación para seguir o procedemento de creación da NOF; neste caso para iniciar a negociación das RPTs. Seguindo o procedemento establecido, contan con que neste ano se oferten as prazas de coordinadores e responsables de rexistro nun concurso específico e o ano que vén se produza o acoplamento, creando e convocando 22 novas prazas para toda Galicia no concurso xeral do 2015 pola consolidación dos reforzos de longa duración.

 Galicia, 11 de abril de 2014

Os pioneiros, un artigo sobre o expurgo