Os pioneiros. Un artigo sobre o expurgo


11 abr 2014




Cando un pensa nos pioneiros recorda as pelis que vía de pequeno do vello oeste, aqueles carromatos ateigados de trastes conducidos por un vello escuálido e barbudo, co pito na boca, nunha man o Winchester e noutra as bridas, guiando á familia numerosa cara terras inhóspitas. Ían na procura dun futuro mellor, á caza dun ouro que cambiase as súas vidas, atravesaban o deserto, soportaban os ataques dos indios, que eran moi malos, berraban moito, sempre perdían e adoraban as chisteras; pero os pioneiros tiraban sempre para adiante, protexidos por un tipo grande de chaleco laranxa, John Wayne, que non fallaba unha o tío e cunha bala mataba a catro indios, a pesares de poñerse ata arriba de whisky. 

O Far West está de volta. Ese vello do carromato personifícase no Director Xeral de Xustiza, un pioneiro moderno, de gravata e traxe, que avanza a territorios inexplorados, acompañado dos secretarios coordinadores e defendido polo Sheriff Rueda no seu saqueo das terras indias.

Galicia, ese dechado de virtudes na austeridade, atopou unha mina de ouro inacabable: os petos dos funcionarios. No canto dunha chistera ou unha botella de auga de lume, o Director Xeral páganos cunha nova moeda de cambio: máis funcións! máis madeira! Que diría Groucho. 

Somos a comunidade con máis ataques retributivos. O desconto do CAT nas extras por segundo ano consecutivo, a conxelación salarial por carto ano e o roubo da extra de 2012 minoraron o noso poder adquisitivo máis dun trinta por cento. Algunhas comunidades gobernadas polo PP, como Extremadura ou Castilla y León, xa devolven de oficio ese atraco. Nós non, máis chulos que dios, dito vulgarmente, prometen litigar ata o final para non pagarnos a extra usurpada, así o dixo o Director Xeral de Función Pública, que parece disposto a chegar ao Tribunal de Estrasburgo se fai falta, en defensa do dereito ao latrocinio da Xunta de Galicia. 

Neste 2014 o que parece estar de moda na Dirección Xeral é a asignación de novas funcións: o expurgo. Nun caos organizativo e utilizando aos secretarios coordinadores como francotiradores, os funcionarios de xustiza, nun servizo público carente de medios persoais e materiais, vémonos da noite á mañá facendo labores de limpeza, baixo o pretexto de que son “funcións xurisdicionais” e que entra dentro da potestade de dirección dos secretarios xudiciais atribuírnos esa función. Magnífico. Se un secretario vos manda sementar patacas xa sabedes, collede o sacho que é unha potestade de dirección! Pero iso si, cando as venda na praza a bolsa de moedas para eles, como acontece coa averiguación de bens, a tramitación das taxas e todas esas produtividades para as que lles facemos o traballiño. 

 Unha vez máis, os pioneiros demostran o seu valor e audacia. En Andalucía, esa labor foi feita por dous funcionarios de reforzo itinerantes por provincia. En Cataluña por persoal da Generalitat. Aquí non, aquí todo para os indios: os funcionarios de xustiza, sen reforzo, dentro da súa xornada laboral e tendo que abandonar as súas labores de tramitación de procedementos para facerlle o traballiño á Xunta, que logo sacará notas de prensa de autobombo asinadas polo sheriff Rueda, coa gran labor que fixeron no expurgo e, seguramente, en plena campaña electoral. 

Creo que esta batalla a debemos dar, afiade as frechas e galopade en círculo ao redor deses colonizadores pero para iso cómpre o de sempre: unión, organización e estratexia. Participade nas asembleas e acudide as mobilizacións, senón damos medo nos comen! E novamente gañarán os vaqueiros, eu, que queredes que vos diga, sempre fun máis dos indios...