O Sector de Xustiza de CCOO chama a participar nas marchas da dignidade do 22 de marzo


12 mar 2014




O 22 de marzo columnas e mareas cidadás de todo o territorio nacional confluirán en Madrid en defensa da dignidade. Entre as mareas que participarán nas marchas cidadás, xunto a branca da sanidade ou a verde da educación,  estará presente a marea amarela en defensa dunha xustiza pública, digna e con dereitos

Ante o deterioro do estado de benestar dos últimos anos, cunha Sanidade e Educación Públicas atacadas masivamente polo Goberno títere da Troika, coa Xustiza recortada e cun desemprego insostible e un emprego precario, a cidadanía consciente debe organizarse e resistirse á consolidación dunha desigualdade impulsada dende o poder. 

Os traballadores e traballadoras públicos da Administración de Xustiza somos testemuñas directas de cómo as políticas neoliberais orixinan sufrimento, exclusión e fame na xente do común. A destrución sistemática de dereitos sociais e laborais, conquistados coas loitas cidadás e sindicais, ten que mudar coa reivindicación dunha democracia participativa e popular, onde os menos que máis teñen non sexan os donos dos destinos dos máis que menos teñen. A resignación e o medo que nos inoculan a través dos medios de comunicación pode ser transformada en activismo e compromiso se organizamos a nosa indignación e a levamos dos nosos círculos pechados á rúa como colectivo, porque somos a maioría social. Fronte a excelencia oficialista, onde prometen creación de emprego (subemprego) e melloras nas exportacións, a realidade social da un golpe na mesa: 

 • Hai 3 millóns de nenos e nenas en risco de pobreza e exclusión social, en constante aumento cada ano (Entre las circunstancias que denuncia Save the children son dietas alimenticias tan básicas como "todas las combinaciones posibles de pan, mortadela, huevos y patatas" o niños con vergüenza de ir al colegio por no tener los libros de texto – 20minutos.es)

• O número de millonarios creceu dende o inicio da crise, insultante cando temos seis millóns de parados e máis de millón e medio de fogares sen ningún tipo de prestación. A devaluación salarial crece a un ritmo maior que o incremento dos prezos 

 • O tecido industrial está a ser desmantelado, sen industria e produción, convertémonos nun país de servizos, co que a nosa mocidade vese condeada ao paro, a subsistir con salarios de miseria ou á emigración 

 • A privatización de servizos públicos deixan sen cobertura sanitaria a colectivos completos, camiñamos cara a unha educación segregadora e clasista, e imponse como norma o repago: non só soben os impostos, tamén debemos pagar por servizos aos que xa contribuímos co noso IRPF ou o IVE, que prefiren destinar a rescates millonarios dos que non deixan de gañar 

 • As pensións recórtanse para favorecer á banca e os seus plans de pensións privados. 

 O Sector de Xustiza de CCOO anima a participar na Columna Galega das Marchas da Dignidade, a título individual ou ben participando na marea amarela, en defensa das clases populares, nun momento en que baixo o pretexto da seguridade queren acalar as voces discordantes mediante a lei mordaza, porque nós tamén temos motivos:

- Lei de taxas 
- Privatización do Rexistro Civil 
- Eliminación de Partidos Xudiciais 
- Recortes e conxelacións sucesivos nos nosos salarios 
- Amortización de cadros de persoal 
- Perda de dereitos, como descontos por enfermidade ou días de vacacións 
- Mobilidade xeográfica salvaxe...

Cando todo falla só queda a Xustiza, que é a que está dando vitorias como a da Sanidade madrileña, e por iso, a Xustiza pública, profesional e de calidade non interesa, somos obxectivo prioritario, como así deixou claro o FMI,  dende onde se pediu aos xuíces non ser tan estrictos cos despedimentos.

Sairán trens ou buses dende as principais cidades galegas, para máis información www.marchasdadignidade.blogspot.com , ou se o prefires contacta con nós no correo sectorxustizaccoo@gmail.com