Normas básicas sobre xubilación do persoal da Administración de Xustiza (I)


7 nov 2013


A presente información ten por obxecto explicar, de forma básica, o acceso á xubilación dos funcionarios e funcionarias da Administración de Xustiza e como se calcula a pensión de xubilación.

Para os efectos de xubilación hai que ter en conta:

·        Se o funcionario da Administración de Xustiza ingresou na nosa Administración antes do 1.1.2011, está adscrito ao Réxime de Clases Pasivas, e a súa xubilación regúlase na Lei de Clases Pasivas (LCP).

·        Se o funcionario ingresou na nosa Administración a partir do 1.1.2011, está adscrito ao Réxime Xeral da Seguridade Social, e a súa xubilación regúlase na Lei Xeral da Seguridade Social (LGSS).

Tipos de Xubilación
Xubilación forzosa: (art.º 492 LOPX) todos os funcionarios da Administración de Xustiza xubílanse con carácter forzoso ao cumprir a idade de 65 anos, a cal se declara de oficio. Non obstante os funcionarios poden prolongar voluntariamente a súa permanencia no servizo activo, como máximo ata que cumpran 70 anos de idade, seguindo o procedemento legal ou regulamentariamente establecido.
O art.º 67.3 EBEP remite á leis de función pública que se diten en desenvolvemento deste a solicitude de prolongación da permanencia no servizo activo máis alá dos 65 anos, engadindo que "a Administración Pública competente deberá de resolver de forma motivada a aceptación ou denegación da prolongación".
Ademais o Real Decreto-Lei 5/2013 permite a compatibilidade entre traballo dos funcionarios públicos e cobramento da pensión, para aqueles funcionarios que cumpriron os 65 anos e xa teñen dereito ao 100% da base reguladora da súa pensión (35 anos traballados); o emprego pode ser a tempo completo ou parcial pero sempre no sector privado, e é compatible co cobramento do 50% da pensión calculada na forma que logo se dirá.

Xubilación voluntaria: (art.º 492 LOPX) Procede a xubilación voluntaria, por solicitude do interesado, sempre que o funcionario reúna os requisitos e condicións establecidos no réxime de seguridade social que lle sexa de aplicación. Para o efecto hai que distinguir entre:
Funcionarios do Réxime de Clases Pasivas: Declárase a instancia de parte, para o que é necesario que o interesado teña cumpridos os 60 anos de idade e recoñecidos 30 anos de servizos efectivos ao Estado. Se se traballou 35 anos tense dereito ao 100% da pensión de xubilación, sen redución ningunha.

Funcionarios do Réxime Xeral da Seguridade Social: Declárase a instancia de parte. Para iso é preciso ter 35 anos cotizados e pódese solicitar dende que o interesado teña cumprimentos os 63 anos. A contía da pensión, nestes casos, sempre é obxecto de redución mediante a aplicación dunha porcentaxe por cada trimestre ou fracción de trimestre que lle falte ao funcionario para cumprir os 65 anos, en función do período de cotización acreditado (dende un 2% por trimestre, para os que cotizasen menos de 38 anos e seis meses, ata un máximo de 1,625% por trimestre para os que cotizasen máis de 44 anos e seis meses).
Xubilación por incapacidade. (art.º 492 LOPX) Procede a xubilación do funcionario cando este padeza incapacidade permanente para o exercicio das funcións propias do seu corpo. Para iso é preceptiva a instrución do oportuno expediente de incapacidade, que poderá ser iniciado de oficio ou por solicitude do interesado, ante a Administración da que dependa o funcionario.

Tempo mínimo de cotización para ter dereito a pensión de xubilación:

A) Funcionarios do Réxime de Clases Pasivas: 15 anos de servizos efectivos ao Estado. Non obstante, se ao cumprir os 65 anos o funcionario tivese recoñecidos doce anos de servizos efectivos ao Estado e non tería completado os quince que, como mínimo, se esixen para causar dereito a pensión no seu favor, pode solicitar prorroga no servizo activo do órgano competente para acordar a súa xubilación, prórroga que comprenderá exclusivamente o período temporal que lle falte para cubrir o de carencia antes mencionado, e que se concederá sempre que o interesado poida considerarse apto para o servizo. (art.º 28.2.a) e 29 LCP)

No suposto de que a xubilación sexa por incapacidade permanente para o servizo, aos anos de servizos efectivos prestados antes da declaración de xubilación hai que sumalo, tanto para estes efectos como para o cálculo da pensión que corresponda, os anos completos que faltaran ao interesado para alcanzar a idade de 65 anos, que se entenden prestados no Corpo ao que estaba adscrito o funcionario no momento en que se produza o cesamento por xubilación. (art.º 31.4 LCP)

B) Funcionarios do Réxime Xeral da Seguridade Social: 15 anos de cotización. Neste suposto, se o funcionario ten cumpridos 26 anos de idade, para ter dereito a pensión de xubilación por incapacidade permanente ten que ter cotizado polo menos un cuarto do tempo transcorrido entre a data en que cumprise os vinte anos e o día en que se tivese producido o feito causante, cun mínimo, en todo caso, de cinco anos.

Contía da pensión de xubilación

A) Funcionarios do Réxime de Clases Pasivas: determínase en función de dúas variables: (1) os chamados haberes reguladores dos Corpos a que pertencese e (2) os anos de servizos efectivos. O importe da xubilación non ten relación ningunha coa contía das retribucións como funcionarios en activo, variables en función do órgano en que se presta o servizo. A pensión mensual, ademais está suxeita a retención do IRPF, salvo en caso de invalidez absoluta.
(1) Haberes reguladores:
Os haberes reguladores son unhas cantidades de carácter anual que se establecen na Lei de Presupostos Xerais do Estado cada ano para cada Corpo e que serven para determinar tanto a cotización mensual dos funcionarios ao réxime de Clases Pasivas (3,86% do haber regulador anual, dividido en 14 pagas) como para determinar o importe da súa pensión de xubilación.

Os haberes reguladores están en función da titulación do acceso ao Corpo correspondente. Dado que é normal que un funcionario pasase ao longo da súa carreira profesional por diversos corpos, e/ou que estivese en activo cando se produciu o cambio de titulación para o acceso aos Corpos de Xustiza derivado da Lei Orgánica 19/2003, hai que ter en conta o haber regulador de diversos corpos para calcular a base da contía da pensión.
Por iso o cálculo da contía que serve de base para o cálculo da pensión non é sinxelo, pois haberá que ter en conta non só o Corpo en activo en que se xubila, senón tamén os Corpos de titulación inferior en que prestase servizos con anterioridade, se se accedeu á Administración de Xustiza antes ou despois do 1.1.1985, as equivalencias das cotizacións realizadas no Réxime Xeral da Seguridade Social se cotizaron no devandito Réxime e o cambio de titulación dos Corpos da Administración de Xustiza como consecuencia da Lei Orgánica 19/2003. A contía base de pensión calcúlase aplicando a fórmula establecida no art.º 31.2 LCP.
Os haberes reguladores establecidos no ano 2013, en función dos Corpos da Administración de Xustiza e datas, son os seguintes:
CORPO
HABER REGULADOR ANUAL
Axentes Xudiciais (ata o 31.12.2003)
16.332,48 €
Auxilio Xudicial (dende o 1.1.2004)
19.156,55 €
Auxiliares da Administración de Xustiza
(ata o 31.12.2003)
19.156,55 €
Tramitación Procesual e Administrativa
(dende o 1.1.2004)
24.213,06 €
Oficiais de Xustiza
(ingresados antes do 1.1.1985, ou con posterioridade,
 se ingresaron en Xustiza antes do 1.1.1985 e logo
 a Oficiais  por promoción interna, e ata o 1.1.2004)
27.606,75 €
Oficiales de Xustiza (ingresados a partir do 1.1.1985,
e ata o 1.1.2004)
24.213,06 €
Xestión Procesual e Administrativa (dende 1.1.2004)
31.526,72 €

Se, por exemplo, un funcionario actual de Auxilio xudicial empezou a traballar na nosa administración no ano 1992, dende 1992 ata 2003 terase en conta para o cálculo da contía base da pensión, o haber regulador do Corpo de Axentes Xudiciais, e dende o 1.1.2004 ata a data de xubilación o haber regulador de Auxilio Xudicial.
Para os exclusivos efectos do cálculo da pensión, de oficio ou a instancia de parte, poden excluírse períodos de servizo acreditados cando a súa toma en consideración dese lugar a un menor importe da pensión que, noutro caso, se tivese obtido (as persoas con máis de 35 anos cotizados poden solicitar que non se teñan en conta para o cálculo da súa pensión os anos que excedan dos 35 anos, traballados nos corpos de titulación máis inferior). Art.º 31.6 LCP.
A contía que resulte da aplicación da fórmula contida no art.º 31.2 LCP divídese por 14 e dá lugar á contía teórica mensual da pensión de xubilación (14 pagas), ás que haberá que aplicar a porcentaxe derivada dos anos de servizos efectivos que se explica a continuación.
(2) Porcentaxe por anos traballados.
A contía real da xubilación vén determinada pola aplicación á anterior contía dunha porcentaxe que se fixa en función dos anos de servizos efectivos ao Estado. Para ter dereito a cobrar o 100% da contía é preciso ter acreditados 35 anos ou máis de servizo activo, calquera que sexa o tipo de xubilación (art.º 31.1 LCP). As porcentaxes que se aplican cando se levan 30 anos de servizo en activo ata os 35 anos son os seguintes:

30 anos de servizo
81,73 % do importe teórico da xubilación
31 anos de servizo
85,38 % do importe teórico da xubilación
32 anos de servizo
89,04 % do importe teórico da xubilación
33 anos de servizo
92.69 % do importe teórico da xubilación
34 anos de servizo
96,35 % do importe teórico da xubilación
Para a aplicación destas porcentaxes téñense en conta os anos en que se traballou como funcionario, os anos en que se cotizou como traballador ou autónomo no Réxime Xeral da Seguridade Social, e previa solicitude o tempo de servizo militar ou prestación social substitutoria que exceda de 9 meses, e os días de baixa por maternidade (112 días por fillo), en caso de ter fillos antes de ser funcionaria e sempre e cando antes de ser nai se tivese cotizado á Seguridade Social.
B) Funcionarios do Réxime Xeral da Seguridade Social: determínase en función de dúas variables: (1) a chamada base reguladora, e (2) os anos de cotización. O importe da xubilación está directamente relacionado coa contía das retribucións como funcionarios en activo, pois a cotización á Seguridade Social vén determinada pola aplicación dunha porcentaxe ás devanditas retribucións. A base reguladora varía en función das retribucións variables dos funcionarios (gardas, etc).
(1) Base reguladora
A 1 de xaneiro de 2013 a base reguladora da pensión é o cociente que resulta de dividir por 224 as bases de cotización do interesado durante os 192 meses inmediatamente anteriores ao do mes previo da xubilación. Estas cifras aumentarán ano a ano ata o ano 2022, en que a base reguladora será o cociente que resulta de dividir por 350 as bases de cotización do interesado durante os 300 meses inmediatamente anteriores ao do mes previo ao do feito causante. É dicir, na actualidade téñense en conta as bases de cotización dos últimos 16 anos, e no ano 2022 teranse en conta as bases de cotización dos últimos 25 anos dende a xubilación.
A base de cotización é a cantidade que se paga ao mes á Seguridade Social, que na actualidade é o 28,30% das retribucións totais, de cuxa cantidade o 23,60 o paga directamente o Ministerio de Xustiza (non aparece na nómina) e o 4,70 o paga o funcionario, que si aparece reflectido directamente na nómina.
As bases de cotización dos 24 meses inmediatamente anteriores ao mes previo ao de xubilación tómanse polo seu valor nominal. As restantes bases de cotización actualízanse de acordo coa evolución do IPC dende o mes a que aquelas correspondan ata o mes inmediato anterior a aquel en que se inicie o período dos últimos 24 meses.
(2) Porcentaxe sobre anos cotizados
A porcentaxe sobre a base reguladora é variable en función dos anos de cotización á Seguridade Social, aplicándose unha escala que comeza co 50% aos 15 anos. Dende o 1.1.2013 ata o 1.1.2018 auméntase esta porcentaxe a partir do décimo sexto ano un 0,21% por cada mes adicional de cotización, entre os meses 1 e 163, e un 0,19% os que superen o mes 163 ata o mes 246, sen que a porcentaxe aplicable á base reguladora supere o 100%. A xeito de resumo, as porcentaxes que se aplican cando se levan dende os 30 anos de servizo en activo ata os 35 anos son os seguintes:

30 anos de servizo
88,60 % do importe da base reguladora
31 anos de servizo
90,88 % do importe da base reguladora
32 anos de servizo
93,16 % do importe da base reguladora
33 anos de servizo
95,44 % do importe da base reguladora
34 anos de servizo
97,72 % do importe da base reguladora
Para a aplicación destas porcentaxes súmanse os anos en que se cotizou como traballador ou autónomo no Réxime Xeral da Seguridade Social, e previa solicitude o tempo de servizo militar ou prestación social substitutoria que exceda de 9 meses e os días de baixa por maternidade (112 por fillo), se cando se deu a luz se cotizara con anterioridade.


Prestacións da MUGEJU en caso de xubilación
Estas prestacións son iguais para todo o persoal da Administración de Xustiza, sexa cual sexa o seu réxime de xubilación. Ademais da asistencia sanitaria e demais prestacións asistenciais a que teñen dereito todos os mutualistas, en activo ou xubilados, os mutualistas xubilados teñen dereito:
En caso de xubilación por incapacidade permanente, e ata que cumpra 65 anos, a unha prestación mensual equivalente ao vinte por cento das retribucións básicas ordinarias percibidas o último mes en activo, que se actualizará en igual porcentaxe que que, sucesivamente, se aprobe para as pensións de Clases Pasivas do Estado. Aboaranse, anualmente, dúas pagas extraordinarias do mesmo importe que a prestación mensual que se recoñeza, nos meses que se dispoña para o persoal en activo.
En caso de xubilación forzosa, ou en caso de xubilación por incapacidade permanente ao cumprir os 65 anos, ao subsidio de xubilación, que é un pagamento único dunha cantidade que na actualidade ascende o 200% das retribucións básicas da última mensualidade completa percibida en activo polo mutualista, se ben existe un Anteproxecto para rebaixar esta contía ao 50% das devanditas retribucións básicas.


Revalorización anual das pensións
A revalorización anual das pensións é a mesma para todos os funcionarios da Administración de Xustiza, e está sometida ás mesmas regras que o resto de xubilados e pensionistas.


Podes descargar o documento neste enlace

Máis información nas páxinas web www.seg-social.es e www.clasespasivas.sgpg.pap.meh.es