Toxo presentou en Madrid a campaña "É público, é teu, ¡sálvao!"


4 oct 2013


"Os recortes nos servizos públicos afondan nas desigualdades sociais e nos levan a unha situación inxusta", "o sector público determina o reparto da riqueza" afirmou esta maña o secretario xeral de CCOO, Ignacio Fernández Toxo, na presentación da campaña en defensa dos servizos públicos.
Toxo na rolda de prensa.
Toxo na rolda de prensa.
CCOO chama a combater os recortes e as mal chamadas «reformas estruturais», en defensa da democracia e o estado de benestar

O progreso en Europa estivo vinculado ao desenvolvemento do estado de benestar social, que consolidou o denominado «modelo social europeo». Unha parte esencial deste modelo é a continuidade, sustentabilidade e equidade duns bos servizos públicos. A súa construción é consecuencia da presión social da clase traballadora, organizada na demanda dunhas mellores condicións de vida.
Asistimos nos últimos anos a unha deterioración constante do conxunto dos servizos públicos no noso país que contribúe a afondar na crise. Aínda que o proceso se iniciou antes, a crise é a coartada perfecta para impoñer políticas antisociais, co argumento de que son inevitables.
CCOO considera que tras estes recortes está o obxectivo de cambiar o modelo social que recolle a nosa Constitución, de facelo á marxe da cidadanía e en contra da súa vontade e de levarnos ao pasado e á ausencia de dereitos.


Este ataque aos servizos públicos é un dos elementos fundamentais da ideoloxía neoliberal: a privatización de actividades con máis expectativas de beneficio –sanidad−, vendas a baixo prezo de empresas ben xestionadas e rendibles -a auga−, recortes e reformas que ameazan gravemente a calidade de servizos esenciais −educación e sanidade públicas, seguridade, dependencia, servizos sociais…−, ou o acceso da poboación a eles dependendo dos seus ingresos −incremento de taxas, descenso de bolsas ou repagamentos sanitarios−.


Estas políticas traducíronse nunha perda próxima aos 500.000 empregos, directos e indirectos, vinculados aos servizos públicos desde finais de 2011. En menos dous anos, os recortes indiscriminados foron destruíndo todo o creado nos sete anos anteriores.


Os servizos públicos de sanidade, educación, servizos sociais, transporte, seguridade, vivenda social… xunto cos sistemas de seguridade social ou de pensións e protección do desemprego, tamén ameazados, constitúen a base do estado de benestar e do denominado modelo social europeo, sinais de identidade das sociedades europeas máis avanzadas.


O camiño para preservar o noso estado de benestar depende dunha rectificación, tanto das políticas europeas —que impoñen a redución do financiamento dos servizos públicos—, como dos nosos gobernos, que as aplican da forma máis antisocial posible.


CCOO defende o modelo dos países máis avanzados de Europa. Existen outras alternativas e son viables. Debemos alcanzar o nivel medio de gasto público dos países da zona euro —49,9% do PIB fronte ao 43,6% de España—, para o que cómpre incrementar os ingresos públicos, desenvolvendo políticas efectivas contra a fraude fiscal e a economía somerxida e reformando a fiscalidade para que pague máis quen máis ten.


CCOO esixe o control democrático do gasto público. Os fondos públicos deben ser administrados de forma eficaz, eficiente e transparente por xestores profesionais e rendendo contas á cidadanía. De se manter as actuais políticas, perigan a cohesión e a estabilidade da nosa sociedade e, ao cabo, a propia democracia.


Este retroceso histórico en materia de dereitos sociais resulta máis inxustificable nestes momentos. A profundidade da crise en España e o alcance dos seus devastadores efectos —desemprego masivo e redución de salarios, co seu correlato de aumento da pobreza, a exclusión social e a desigualdade— fan imprescindible, non xa o mantemento dos actuais servizos públicos, senón o seu reforzo, xa que deben desempeñar un papel dinamizador para unha saída xusta da crise.