Unidade e solidariedade


4 sept 2013


É evidente que os Empregados Públicos levamos anos sufrindo ataques constantes aos nosos dereitos: redución do 5% do soldo, eliminación da Acción Social, aumento do horario fixo, eliminación da paga extra, perdida de días de asuntos particulares e de vacacións e permisos por antigüidade, ao que hai que engadir -na miña opinión o máis grave de todo- os descontos por baixa laboral. É obvia a discriminación xerada polas distintas regulacións en materia de baixas -moito máis favorable para fiscais e maxistrados-, o que nos recorda que a loita de clases non é un concepto trasnoitado, NON, non o é, a loita de clases existe aquí e agora

En Galicia ao anterior hai que engadir os recortes en salario e emprego do Sr Feijoo. Aquel que -recordemos- antes das eleccións dicía: "Eu aos funcionarios non lles vou pedir máis esforzos dende o punto de vista retributivo. Xa fixeron abondo", despois destas e -non debemos esquecelo- amparado nunha maioría absoluta, acordou a subtracción de parte do Complemento Autonómico dos devanditos funcionarios (entre 820 € e 2500 €); tamén dicía: "Aos contratados temporais e os funcionarios pedímoslles un esforzo pero o seu traballo non corre ningún risco", e o certo é que puxo en marcha un plan de amortización de 106 prazas nos Xulgados de Galicia. A día de hoxe varías prazas das Audiencias Provinciais e dos Xulgados de Paz xa foron amortizadas.

A todo isto debemos engadir: as Taxas Xudiciais, o intento privatización Rexistro Civil, a supresión dos Partidos Xudiciais, a privatización dos actos de comunicación...Efectivamente, como o Sr.Feijoo dicía, "os nosos postos de traballo non corren ningún risco" igual que non supoñían ningún risco as preferentes dos bancos nin as hipotecas con clausulas chan...

Todo o anterior non pode levarnos a engano e pensar que os Empregados Públicos somos as únicas vítimas da "crise". Non podemos nin debemos esquecer aos 6.000.000 de parados, aos nosos mozos, entre eles os nosos fillos, que cunha taxa de paro do 50% se ven obrigados a emigrar a outros países -mobilidade exterior chámano os responsables desta situación-, e con eles vaise o noso futuro. Tampouco debemos esquecer a todos os cidadáns que con 45 ou máis anos non volverán traballar na súa vida, nin que, en Galicia, unha de cada tres familias vive das pensións dos seus maiores. E, ante todo, non deixemos caer no esquecemento as familias que teñen a todos os seus membros no paro.

Non somos os empregados públicos, nin os trabadores das empresas privadas, nin os pensionistas, nin os autónomos…, os que sufrimos esta eiva, SOMOS TODOS OS CIDADÁNS.

Por moito que se esforcen os verdadeiros responsables da "crise" en acusarnos de vivir por enriba das nosas posibilidades, a única verdade é que os cidadáns non prevaricamos, non temos pensións vitalicias, non temos ningún Barcenas que nos xestione o diñeiro negro, a nos non nos financian nin os bancos nin as empresas e sobre todo non xestionamos bancos que xogan co diñeiro doutros -o dos cidadáns- para gañar moito mais diñeiro e cando as cousas van mal esixir diñeiro a PAPA ESTADO para salvar o seu cu, despois de estafar e desafiuzar eses clientes que tanto diñeiro lles fixeron gañar nos bos tempos.

A realidade é que os cidadáns estamos sufrindo a deterioración da Sanidade Pública, a Educación Pública, a Xustiza, os recortes en axudas á Dependencia, a reforma laboral -abaratamento do despedimento, condicións laborais á China-, e o diñeiro dos NOSOS IMPOSTOS estase a utilizar para rescatar aos bancos (Novagaliciabanco, Bankia, etc), e unha vez "saneados" regalalos á banca privada, principal responsable da "crise".

Porque todos os cidadáns sufrimos a mesma crise debemos loitar UNIDOS e abandonar calquera indicio de Individualismo -que como un virus inoculou nas nosas veas a oligarquía neoliberal que goberna o mundo nos últimos anos-, individualismo que é unha das causas de estar onde estamos. Debemos esquecer as nosas pequenas diferenzas, só se somos SOLIDARIOS E ACTUAMOS UNIDOS existe un indicio de esperanza para saír vitoriosos da loita que debemos iniciar.

Certo é que poderemos saír derrotados desta LOITA DESIGUAL, pero os nosos fillos non poderán acusarnos de quedar sentados vendo como a INXUSTIZA se instala nas nosas vidas, como se remata cos dereitos conseguidos no pasado e como nos rouban o futuro -o noso e o dos nosos fillos-.
Por respecto ao que os nosos maiores -con sufrimento, loita e tesón- conseguiron no pasado, e por amor aos nosos fillos -para que ninguén lles roube o seu futuro-, PODEMOS E DEBEMOS LOITAR UNIDOS, SER SOLIDARIOS, non deixarnos dividir, non ser sectarios.

XUNTOS PODEMOS!!

Por Pablo Valeiras e Lola Filgueira