O Sector de Xustiza de CCOO demanda un trato igualitario para os Xulgados do Social da Coruña respecto aos de Vigo


11 sept 2013


A presión sindical de CCOO, tanto mediante escritos á Dirección Xeral como nos medios de comunicación, conseguiu que o Consello Xeral do Poder Xudicial autorice o incremento do cadro de persoal do xulgado de reforzo de Vigo ata igualar o do resto de xulgados. Esa mesma presión foi exercida pola nosa organización sindical na cidade da Coruña, pero ante circunstancias iguais, o tratamento foi diferente. 

Reiteramos, polo tanto a nosa petición, e reproducimos a solicitude feita o pasado 22 de xullo, demandando ao Director Xeral equidade e firmeza: 

Para paliar de xeito efectivo o colapso da xurisdición social, o sector de xustiza de CCOO esixe da Dirección Xeral: 

1.- Que se leven a cabo as actuacións oportunas para que os xulgados de reforzo de Vigo e A Coruña se convertan en órganos de nova creación. 

2.- Que en tanto isto non suceda, os xulgados de reforzo de Vigo e A Coruña se doten de cadros de persoal equivalentes ao resto de Xulgados do Social. Non ten sentido crear un xulgado de reforzo con Xuíz e Secretario e non con funcionarios en número equivalente a un xulgado de número (na Coruña tan só ten dous funcionarios complementados con prolongacións de xornada e en Vigo tres) 

3.- Que se doten dos medios materiais precisos aos devanditos xulgados. 

4.- En definitiva, que sexan xulgados completos, e non como até o de agora, que interrompen o trámite cando ditan sentenza, repercutindo a execución no resto de xulgados, o que provoca un sobreesforzo aos compañeiros que en lugar de minorar o seu traballo ven como se incrementa sustancialmente. 

Dende CCOO, sector xustiza, preocupados polo servizo público, cremos que, lamentablemente, a crise actual, e máis coas políticas de recortes e austeridade que desbrozan o mundo laboral, non ten saída a curto ou medio prazo, por moitos brotes verdes que nos queiran colar, polo que entendemos que os módulos dos xulgados do social se verán incrementados ano a ano, e, en consecuencia, cremos que non é necesario un reforzo, senón un novo xulgado nesas dúas cidades e instamos á Xunta a que nun acto de responsabilidade social, tome conciencia dos dramas que hai detrás de cada procedemento, de cada rescisión laboral, onde o cidadán queda desamparado e precisa de respostas rápidas e eficaces dende as institucións públicas, e non anuncios mediáticos como fogos de artificio que non van máis alá de copar titulares de prensa e non solucionan os problemas reais das persoas