No día de onte, en Arteixo, un veciño de 62 anos, J.A.M.E., tentou acabar coa súa vida dun tiro na cabeza, por mor da presenza da Comisión Xudicial que acudira por segunda vez ao seu domicilio a fin de executar un lanzamento por falta do pago da renda de aluguer.
CCOO, sector xustiza, representa a máis de dous mil funcionarios de xustiza, que cumpren con dilixencia o deber que lles mandan as leis. Sen embargo, a nosa organización sindical e os traballadores e traballadoras, somos conscientes de que o deber legal é unha cousa e a realidade social que estamos a vivir é outra ben distinta. A perseverante crise sistémica na que nos atopamos e os recortes sociais que, no canto de paliala non conseguiron máis que facela crónica, abócanos a unha situación de emerxencia socioeconómica sen precedentes, onde o paro, as prestacións por desemprego, o RISGA, e a resposta institucional ante situacións de quebra das persoas, son recortadas ou eliminadas cada día.
A situación, lonxe de mellorar, vai progresando a límites inhumanos, a taxa de suicidios, ocultada dende o poder, é inédita na historia do país, as prestacións rematan e os mantedores da precariedade familiar, os pensionistas, ven ameazados tamén os seus ingresos.
O sector de xustiza de CCOO demanda das Administracións unha actuación contundente e firme, en defensa da xente do común, máis alá de datos macroeconómicos como o déficit, a balanza comercial ou o incremento do PIB, a súa primeira e primordial preocupación deberían ser os seres humanos que os elixiron democraticamente para representalos, polo tanto esiximos:
- Unha actuación decidida para suplir a falta de ingresos dos desempregados de longa duración, máis alá de sistemas burocratizados e inaccesibles como o RISGA. Tampouco serven as axudas de emerxencia, baseadas na caridade cristiá, o que cómpre é unhasolidariedade efectiva, menos anuncio mediático e máis preocupación real.
- Sendo miles os pisos e casas baleiros, moitos de propiedade pública, activar un servizo de aluguer social real, cun parque de vivendas amplo e suficiente para dar cabida a xente con necesidades reais, máis alá das necesidades especulativas dos bancos e os mercados financerios.
- A actuación de oficio dos Servizos Sociais ante situacións de risco. Vemos na prensa como escusa que o home de Arteixo nunca acudira aos servizos sociais na procura de axuda. Non é de recibo que nos escudemos nas situacións desesperadas que impiden unha solicitude novamente burocrática ante os servizos sociais, o protocolo debe iniciarse de parte da Administración, na súa obriga legal e moral de velar pola cidadanía.
- Nos casos de risco para as persoas, as forzas de seguridade e a asistencia medicalizada, debe asistir de oficio á Comisión Xudicial, na procura de evitar sucesos como o acontecido, que poñan en perigo a integridade física tanto dos xusticiables como dos funcionarios e funcionarias.
Dende CCOO, sector xustiza, cremos que de non adoptarse estas medidas, estes feitos repetiranse periodicamente, con menores intervalos e máis dramáticas consecuencias. A crise, non provocada por ningún cidadán de a pé, os converte en vítimas dun sistema económico atroz que deriva a súa neglixencia, o seu abuso e a súa irresponsabilidade cara a xente do común, e deben ser eles, os causantes, os bancos e as institucións públicas que os ampararon os que dean resposta efectiva á depreciación económica e moral do ser humano