A Xunta gasta medio millón en anuncios para "xerar confianza" na saída da crise


11 jul 2013


Despois do "optimismo", hai que "xerar confianza". Pasaron pouco máis de seis meses dende que a Consellería de Economía e Industria contratou por case un millón de euros unha campaña publicitaria para, entre outras fins "sumar aos galegos ao novo modelo económico que está a impulsar" a Xunta e o mesmo departamento disponse a realizar outra operación similar. Con novo conselleiro á fronte -Francisco Conde substituiu a Javier Guerra tras as eleccións- o departamento autonómico ten preparado medio millón de euros para, desta volta, "fomentar o carácter emprendedor e valente dos galegos, animar a levar a cabo os seus proxectos e transmitirlles que a Xunta de Galicia está con eles para apoialos".
A Consellería tramita dende este martes a devandita acción propagandística por 429.752,07 euros que quedan en 520.000 unha vez aplicado o IVE. No correspondente prego de condicións o Goberno galego debulla ao longo de tres páxinas a que vén ser a filosofía de fondo dos anuncios, coincidente, en boa medida, con moitos discursos e argumentarios políticos do presidente da Xunta e dos seus conselleiros. "Estamos na lexislatura da volta ao crecemento", sentenza a "introdución" na súa frase inicial, xusto antes de explicar que "o Goberno galego está a traballar no asentamento dunhas bases sólidas que permitan fortalecer a economía e artellar un modelo produtivo xerador de riqueza e emprego".
A Xunta explica que "ten feito os deberes en materia de estabilidade orzamentaria" e por iso Galicia "é unha comunidade na que se pode confiar"
O Executivo, di o mesmo texto, ten "unha planificación clara" neste ámbito, con apostas como a "innovación, a potenciación da internacionalización e a defensa dunha actitude emprendedora". Nesta liña, explica, "o Goberno galego está a deseñar, co consenso de todos os axentes económicos e sociais, a lei do emprendemento", unha norma para a que non se aforran gabanzas: é "estratéxica", "chave do crecemento da economía". Porque Galicia, proclama a Xunta, ten "potencial, recursos e talento" e"ademais ten feito os deberes en materia de estabilidade orzamentaria, o que lle permite ser unha das comunidades máis solventes, unha comunidade na que se pode confiar".
Nun ton máis próximo ao da arenga política que ao do texto partidario Industria continúa afirmando que "En Galicia hai talento" e só resta "crear o marco propicio para que as boas ideas poidan converterse nunha realidade". "Trátase de xerar confianza, nos emprendedores, nos investidores, nos empresarios e ata nos consumidores para que co traballo de todos xuntos retomemos o crecemento". Por todo isto é polo que "a Consellería de Economía e Industria precisa facer unha campaña de comunicación (...) coa intención de facer chegar aos cidadáns a confianza necesaria para emprender e levar a cabo investimentos que nos permitan retomar o crecemento económico e xerar emprego. Como en xaneiro, trátase tameń de "sumar aos galegos ao novo modelo económico que está a impulsar" a "Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia".
Como na campaña contratada en xaneiro por un millón de euros o Goberno tenta "sumar aos galegos ao modelo económico que está a impulsar"
Tras a filosofía o departamento que dirixe Francisco Conde pasa a un plano bastante máis prosaico. A empresa que se faga coa campaña deberá dirixirse a "empresarios" e tamén a "residentes en Galicia maiores de 16 anos", con 75.000 euros para "creatividade, deseño e produción" e 445.000 euros para "inserción en medios e comisión de axencia". Destes cartos terá que saír un anuncio de televisión, unha cuña de radio, anuncios para xornais impresos e banners para os dixitais. A campaña tamén inclúe valados publicitarios nas sete cidades de Galicia.
Con todo isto o contratista terá que "presentar informes semanais de seguimento da campaña nos que se realice un seguimento de audiencias en TV e de inserción no resto de medios contemplados na campaña". O prego de condicións, datado no 3 de xuño, inclúe o seguimento aos anuncios emitidos en Popular TV Galicia, a concesionaria dunha das dúas canles de televisión autonómica privada que a pasada semana anunciou o cesamento das súas emisións.

Publicado o 10/07/2013 en www.praza.com
Enlace permanente: pica aquí