Os traballadores da TVG denuncian o "agravamento" da "manipulación informativa" co caso Bárcenas


6 feb 2013



Os traballadores da TVG volven denunciar a "manipulación que padecen os informativos" da canle pública. A través dun comunicado, o comité de empresa da televisión pública denuncia as "presións e intervencións" que, segundo alertan, reciben "acotío" os profesionais do medio e advirten de que esta situación "agravouse nos últimos meses por mor dos diversos casos de corrupción política que están a sair á luz pública, como por exemplo o caso Pokemon ou, nos últimos días, o chamado caso Bárcenas".
"A manipulación agravouse nos últimos meses por mor dos diversos casos de corrupción política", denuncian
Os representantes dos traballadores consideran"especialmente penosas e vergoñentas" estas prácticas de "manipulación da televisión pública" no actual contexto de "grave crise económica e profundo deterioramento político e social". "Xusto cando unha cidadanía en gran parte empobrecida e indignada exixe máis que nunca o seu dereito de acceso a unha información veraz, plural e obxectiva", destacan.
O comité denuncia "a ausencia dun mecanismo que evite as presións" e urxen a creación do Estatuto Profesional
Ademais, o comité de empresa denuncia "a ausencia dun mecanismo que evite as presións coas que teñen que traballar cada día os profesionais" e que garanta "a liberdade e a indepencia no exercicio dos seus labores informativos".
Por todo isto, os representantes dos traballadores urxen a creación inmediata do Estatuto Profesional que contempla a Lei 9/2011 dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, o  instrumento que, segundo a mesma lei indica, está “destinado a fortalecer a calidade, profesionalidade e independencia dos contidos informativos”.
"A Lei dos medios públicos que o Parlamento galego aprobou en decembro de 2011 obriga tamén a crear un Consello de Informativos, como órgano interno de participación dos profesionais da información da Corporación RTVG, que terá como obxectivos 'velar pola independencia, pola veracidade e pola obxectividade dos contidos informativos difundidos por todas as súas canles”, lembran para rematar.