Baltar di que foron "outros" os que fixeron 104 contratos a dedo


6 feb 2013


Incidentes na entrada do ex-presidente da Deputación de Ourense a declarar como imputado de usar recursos públicos para que o seu fillo gañase o congreso do PP provincial.

Contratar a 104 persoas a dedo na Deputación, e que boa parte deles sexan familiares ou compromisarios do PP de Ourense, é unha responsabilidade de "outros". Este é o argumento que usou hoxe o expresidente da Deputación de Ourense e expresidente do PP provincial, José Luis Baltar, ao comparecer como imputado ante o xuíz.

Baltar, con máis de dúas décadas no cargo, alegou ignorancia sobre o procedemento administrativo que rexe estes procedementos, segundo explicou o avogado José Arcos, representante do PSOE.

O que se autodenomina como "cacique bo" compareceu durante máis de hora e media. O máximo que admitiu é que algúns dos contratados sen procedemento público eran coñecidos seus, pero que o eran porque traballaran antes na Deputación Provincial.

A súa chegada aos xulgados de Ourense houbo intres de tensión. Unha ducia de deputados, concelleiros e simpatizantes do PPdeG acompañaron a Baltar. Estábanos esperando ducias de indignados e membros da plataforma contra as hipotecas.

A entrada no edificio converteuse nun caos. Houbo empurróns e insultos entre os dous bandos.

Os alcaldes de Ramirás, Sandiás, Monterrei, Quintela de Leirado, A Rúa, Xinzo, Bande, Pereiro, Celanova, A Porqueira e Melón arrouparon ao histórico dirixente. Do Parlamento de Galicia só acudiu a deputada Ana Belén Vázquez. E é que o PPdeG de Alberto Nuñez Feijóo sempre mantivo unha relación ambivalente co baltarismo. A pesar de ser rivais internos, o aparato do PPdeG sabe que necesita da maquinaria caciquil da Deputación para asegurarse os extraordinarios resultados que ano tras ano obteñen na provincia, moi preto do 50 por cento nos peores casos.

A deputada admitiu que, polo menos, seis persoas das contratadas a dedo foron compromisarios no Congreso que elixiu ao fillo de José Luís, José Manuel, líder do PP de Ourense. Vázquez alega que, ademais de ser un número pequeno, o resultado non cambiaría.

O PP de Ourense organiza Congreso nas próximas semanas. Ao contrario da anterior ocasión, o aparato do PP en Galicia non promove ningunha lista rival a José Manuel Baltar.

Publicado o 06/02/2013 en www.confidencial.com

Enlace permanente: pica aquí