A 'marea branca' contra a privatización da sanidade chega a Galicia


17 feb 2013


Centos de persoas, entre profesionais sanitarios e cidadáns, concentráronse na mañá deste domingo en Ourense, Pontevedra e Narón para protestar contra a privatización da sanidade pública, uníndose así áMarea Branca que saíu ás rúas de varias cidades do Estado a prol dun sistema sanitario público.


En todas as marchas, e convocados pola plataforma SOS Sanidade Pública, coincidiuse en criticar os continuos recortes na sanidade pública. Por exemplo, na concentración de Narón, onde se reclamou un novo centro de saúde para unha localidade de 40.000 habitantes e onde os servizos sanitarios son considerados escasos polos manifestantes e os colectivos implicados. En Ourense, os asistentes quéixanse tamén polos peches en Piñor e Toén, así como polo financiamento e a xestión privada que está prevista para os novos centros da cidade.


A través de consignas ou comunicados, en todas as concentracións censuráronse as "políticas neoliberais" aplicadas polo PP en Sanidade, e reivindicouse a saúde como un dereito "e non como un negocio", tamén na marcha convocada en Pontevedra, na praza da Peregrina.

Mentres, en máis de 15 cidades de toda España volveron verse milleiros de batas brancas en contra dos plans de privatización da xestión de hostipais e centros sanitarios, especialmente en Madrid, onde a marcha foi multitudinaria. "Menos Eurovegas e máis enfermeiras; menso asesores e máis doutores", foron algúns dos cánticos da manifestación na capital do Estado, que tivo a súa réplica en Barcelona, onde tamén foron miles os que saíron á rúa.


"Povisa culpable, Sergas responsable"

Ademais, o comité de Povisa logrou reunir este domingo centos de vigueses nunha manifestación contra a merma da calidade asistencial do hospital privado e a precarización das condicións laborais do cadro de persoal. Os manifestantes responsabilizan directamente o Sergas, que mantén un convenio sufragado con fondos públicos co centro hospitalario sen controlar en que se investen, e "mira para outro lado" no tocante aos dereitos do persoal, tal e como denuncia a CIG.

A manifestación que percorreu a rúa Urzáiz até o edificio administrativo da Xunta en Vigo demostrou o apoio social ás demandas por unha maior calidade asistencial e contra a precariedade laboral formuladas polo comité. Ao berro de "a saúde non é un negocio" ou "Povisa culpable, Sergas responsable" continuaron coa vaga de mobilizacións, coas que pretenden sensibilizar á cidadanía e presionar tanto á empresa como á administración.

Ademais, os traballadores aseguran que a dirección do Hospital está a amezar con sancións á portavoz da CIG e do comité de empresa se non retira unhas declaracións na prensa onde denuncia a situación de precarización e merma asistencial.

Publicado o 17/02/2013 en www.praza.com

Enlace permanente: pica aquí