Campaña de vixilancia periódica da saúde para o ano 2013


31 ene 2013



Diario oficial de Galicia
No Diario Oficial de Galicia número 22, do 31 de xaneiro de 2013, publícase a Resolución do 10 de xaneiro de 2013, da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade á campaña de vixilancia periódica da saúde para o ano 2013 no ámbito da Administración xeral da Xunta de Galicia.


Descargar PDF



Texto

De acordo co disposto no artigo 22 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais modificada pola Lei 54/2003, do 12 de decembro, de reforma do marco normativo da prevención de riscos laborais, o empresario garantiralles aos traballadores ao seu servizo a vixilancia periódica do seu estado de saúde en función dos riscos inherentes ao traballo.

O Decreto 7/2011, do 20 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, establece no artigo 11.2.2.c) que o Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Xunta de Galicia realizará, entre outras funcións, a vixilancia da saúde dos empregados públicos que, en todo caso, terá que contar co seu consentimento, respectando o dereito á intimidade e dignidade.

O Decreto 17/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Plan de Prevención de Riscos Laborais na Administración xeral da Xunta de Galicia, reitera entre as funcións do Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Xunta de Galicia, a vixilancia da saúde en relación cos riscos derivados do traballo, publicando a Orde do 25 de marzo de 2009 o procedemento de vixilancia da saúde.

Con base no antedito, publícase esta convocatoria de campaña da vixilancia periódica da saúde no ámbito da Administración xeral da Xunta de Galicia para o ano 2013, de acordo coas seguintes premisas:

Primeira. Obxecto.

A prestación da vixilancia da saúde ao persoal empregado público en función dos riscos inherentes ao traballo segundo o disposto no artigo 22 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Segunda. Ámbito de aplicación.

É aplicable a todos os/as traballadores/as da Administración xeral da Xunta de Galicia agás o persoal que presta servizos nos centros docentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ao persoal e centros dependentes do Servizo Galego de Saúde, e ao persoal das fundacións.

Terceira. Inscrición.

A inscrición previa realizarase de forma telemática no formulario de petición de recoñecemento que está dispoñible na páxina web da Xunta de Galicia (Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza-Servizo de Prevención de Riscos Laborais): webriscos.xunta.es

A inscrición debe incluír todos os datos que figuren no formulario. A falta dalgún deles impedirá a tramitación da solicitude.

Toda inscrición xerará un xustificante do consentimento que se deberá presentar o día concertado para realizar a vixilancia da saúde.

O prazo de inscrición rematará transcorrido un mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, agás persoal de nova incorporación, persoal que se incorpore ao traballo tras unha ausencia prolongada por motivos de saúde e persoal que, durante o prazo de solicitude, estea gozando das vacacións. Nestes supostos deberá presentarse a debida xustificación ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

As/os responsables dos distintos centros de traballo facilitarán os medios necesarios para a inscrición.

Cuarta. Citacións.

A falta de asistencia á cita implicará, agás causa de forza maior debidamente xustificada ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais no prazo de cinco días, que o traballador/a renuncia ao recoñecemento médico de forma voluntaria.

Quinta. Resultados e entrega dos informes da vixilancia da saúde.

Os resultados da vixilancia da saúde serán subscritos polo facultativo competente e serán tratados de acordo co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Os informes da vixilancia da saúde serán entregados a cada traballador/a polo Servizo de Prevención Alleo.

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2013

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza