Deste xeito, o anterior sistema de xustificación do cumprimento do horario, a través da fichaxe nas máquinas dos edificios xudiciais ou a través de partes de sinatura, deixará de ter efecto no momento en que se habilite a fichaxe no PC do posto de traballo do sistema Kronos.
As máquinas existentes nos edificios xudiciais quedarán desactivadas e o único sistema válido para efectos de xustificación do cumprimento do horario será a fichaxe no PC do posto de traballo. No caso de non dispoñer de terminal informático propio, a fichaxe poderase realizar en calquera outro PC do centro de traballo.
A implantación deste sistema de control horario nos xulgados das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra lévase a cabo despois da súa validación nas sedes da Administración de xustiza en Santiago de Compostela, onde comezou a súa implantación no mes de novembro. En decembro estendeuse aos xulgados de Cangas, e ao longo deste mes púxose en marcha nos xulgados de Betanzos, Ribeira, Lugo, Ourense, Cambados, Ponteareas, O Porriño e Vilagarcía de Arousa.
Nesta intranet atópase á disposición dos usuarios unha guía de uso e unha relación de preguntas frecuentes para resolver as posibles dúbidas que xurdan na utilización do novo sistema de fichaxe.
Calendario de implantación do sistema Kronos de fichaxe no PC do posto de traballo:
- 1 de febreiro:
- Provincia da A Coruña: A Coruña, Arzúa, Carballo, Corcubión, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Ortigueira e Padrón.
- Provincia de Lugo: Becerreá, Chantada, A Fonsagrada, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Sarria, Vilalba e Viveiro.
- Provincia de Ourense: Bande, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, A Pobra de Trives, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia.
- Provincia de Pontevedra: Caldas, A Estrada, Marín, Lalín, Pontevedra, Redondela e Tui.
- 1 de marzo: Vigo, Ferrol e xulgados de paz con persoal funcionario.