FARTAS liberan o neno Xesús, que pasa a noite nun caixeiro


26 dic 2012



O neno Xesús xa é libre. Fomos Armala Raptando Temporalmente Ao Susiño (FARTAS) remitiu esta madrugada aos medios un comunicado no que anunciaban que a figura viña de ser depositada nun caixeiro do centro de Santiago e que alí pasaría a noite "como tantos outros cidadáns e cidadás anónimas". De feito, foi atopado pouco antes da nove da mañá nunha oficina do BBVA en Conxo. 
Os membros do colectivo auguran que a restitución do boneco ao pesebre instalado na Praza do Obradoiro polo Concello "será inmediata" pola gran preocupación dos poderes públicos por este asunto. Pero que pola contra "seguiredes sen solución para os milleiros de familias que están a sofrer as consecuencias da crise económica construída como unha grande estafa pola Banca e os seus políticos adxuntos".
"Pronto, a maioría social demandará outra sociedade onde ninguén espertará sen casa, sen traballo, sen saúde, sen acceso ao ensino, sen dignidade, sen respeto, sen a calor das demais"
Fartas din que "estamos fartos e fartas de vós. Dádesnos un noxo profundo". E advirten de que "pronto o conxunto da poboación espertará. Pronto, a maioría social demandará outra sociedade radicalmente igualitaria onde seredes uns máis, onde os vosos privilexios virarán pó e meras lembranzas. Onde ninguén espertará sen casa, sen traballo, sen saúde, sen acceso ao ensino, sen dignidade, sen respeto, sen a calor das demais". E despídense cun "vémonos nas rúas" e "o que ri o último, ri mellor".
Publicado o 26/12/2012 en www.praza.com
Enlace permanente: pica aquí