CCOO destaca o labor de Carrillo na loita pola democracia


19 sept 2012


Ante o falecemento de Santiago Carrillo, o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) achégalle á súa familia as condolencias por esta perda. Para a organización sindical, Santiago Carrillo deberá ser lembrado pola súa loita en defensa da democracia. Sen persoas coma el «non serían posibles as liberdades e dereitos de que gozamos hoxe».

Santiago Carrillo, desde a súa posición como secretario xeral do PCE —principal partido da oposición ao franquismo—, apostou decididamente pola transición democrática. Para CCOO, o dirixente comunista tivo diante súa unha responsabilidade histórica «e a historia deberao lembrar así», incide o sindicato.

Posuidor dunha personalidade «forte e decidida» e con valores «firmes e inquebrantables» que guiaron a súa traxectoria, foi, ademais, «un inconformista», e por iso sempre loitou polos máis desfavorecidos. «Nunca pensou que estivese todo feito» e non baixou os brazos nin sequera após conquistarmos a democracia, porque «a democracia non era unha meta, senón un punto de partida».