De cando Feijó09 tiña "medidas para o pleno emprego"


28 ago 2012


Nuñez Feijóo é o único candidato que repite dos que poden gañar o 21-O. Por iso, GC comeza a avaliar se o presidente cumpriu o que dixo cando era o candidato Feijó09. En Traballo, o paro subiu case 9 puntos, moito máis que no Estado no mesmo período de tres anos e medio.



O seu programa "Propostas para recargar Galicia" comezaba cargando contra o bipartito, ao que acusaba, entre outras cousas de ser culpábel de que "cada vez máis mozos marchan de Galicia, pese a crise, co fin de acadar emprego: en 2007, 11.540 mozos galegos".  Os últimos datos, de 2010, apuntan a que 30.000 galegos marchan fóra cada ano.

É todo culpa da recesión mundial? Inflúe que o PP non executase algunha das súas promesas?

Promesas incumplidas

Por exemplo, os conservadores comprometeron "un programa mixto de emprego e formación para mozos desempregados menores de 25 anos. Constará dunha etapa formativa e outra prática onde se perciba unha retribución correspondente ao 75% do salario mínimo interprofesional". Na web de axudas da Consellería de Traballo pode comprobarse que non hai activo ningún programa parecido ao comprometido.

O mesmo sucede co "programa de formación e emprego para desempregados maiores de 25 anos" que buscaba "a realización de obras e servizos de interese social e xeral, percibindo unha retribución equivalente a 1,5 veces o salarío mínimo".

O PPdeG tamén prometeu que "implicaremos aos medios de comunicación públicos de Galicia para posto en marcha, neles, dun Canal Emprego Galicia como medio de información a traballadores e desempregados". Na web da CRTVG non hai ningún "Canal Emprego Galicia" nin se coñecen plans para lanzalo.

Feijóo tamén dixo que faría "accións formativas co compromiso de formación" a través dun "campus de formación profesional de prestixio internacional ou ca creación de Centros de Formación para Construcción, Automoción, Medio Ambiente, Enerxías Renovables, etc.". O certo é que o Goberno Galego non lanzou ningún deses centros de formación.

Promesas cumpridas

No lado positivo da balanza, o líder conservador si cumpliu a súa promesa de crear unha Oficina Virtual de Emprego e de presentou un plan integral para a formación de mozos e outro para fomentar a igualdade de xénero.

O PP comprometeu tamén un "Plan Para o Autónomo 2009-2013" que non existe como tal, pero si varias liñas de axudas para a promoción do emprego autónomo, aínda cunhas condicións moi determinadas. Algo similar sucede co "reforzamento das escolas obradoiros e os obradoiros de empregos", hai liñas de axudas, pero cunha cuantía tan pequena que o impacto real é moi reducido.

Balance final: a obxectividade, e frialdade, dos números

Con todo, o resultado no eido do emprego desta lexislatura non é positivo. Galicia comezou o mandato, en abril de 2009, de Nuñez Feijóo con 210.882 parados e remátao cun desemprego de 269.203. É dicir, un aumento dun 27,65% en tres anos e medio. Só nos últimos doce meses o desemprego medrou un 15,26%, segundo datos da propia Xunta. Segundo datos do INE, a situación é peor. En Galicia hai máis de 275.000 parados.

A comparativa a nivel estatal tampouco é positiva para os conservadores. Cando reconquistaron San Caetano, a taxa do desemprego era do 12,93 segundo o INE, mentres hoxe está no 21,07 por cento. Nese mesmo período España pasou do 17,92 ao 24,63 por cento. É dicir, Galicia tiña un diferencial positivo de 9,78 puntos, e agora só ten 3,56.

Feijóo tamén falaba de pleno emprego

Determinar se está perda do ritmo de confluencia co Estado é culpa do Executivo de San Caetano ou das circunstancias macroeconómicas estatais e globais é un dos dilemas que resolverán os electores o próximo 21 de outubro.

O que é evidente é que Feijóo quedou por debaixo do prometido neste eido. De feito, cando a oposición critica a falta de políticas activas de emprego é habitual ver ao mandatario 'popular' no Parlamento exhibindo un cartel electoral de José Luís Rodríguez Zapatero prometendo o pleno emprego.

Mágoa que Feijó09 tamén prometera na páxina 48 das 236 que tiña o seu "compromiso por Galicia" unha serie de "medidas para acadar o pleno emprego".


Publicado o 28/08/2012 en www.galiciaconfidencial.es

Enlace permanente: pincha aquí