A cidadanía ten no adianto electoral unha oportunidade para deter os recortes económicos e en materia sociolaboral


28 ago 2012


En tres anos de Goberno do PP, os recursos da Xunta minguaron preto do 30%

Con motivo do adianto electoral en Galicia, previsto para o vindeiro 21 de outubro, Comisións Obreiras (CCOO) sinala que a cidadanía galega ten unha oportunidade para deter os recortes económicos e de dereitos laborais e sociais.

O presidente do PP de Galicia e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sinalou que o Goberno que saia das urnas será o encargado de elaborar os orzamentos de 2013. Neste sentido, CCOO lembra que, desde a chegada de Feijóo a San Caetano, os recursos da Xunta minguaron case un 30%. Este descenso cuantitativo foi acompañado doutro cualitativo: nin os investimentos se destinaron a reactivar a economía, nin os recortes se aplicaron ao gasto superfluo.

CCOO mantén que para saír da crise cómpren investimentos en infraestruturas de comunicación e transporte, de ordenación do territorio, de provisión de solo para actividades económicas, en actuacións ambientais, investigación, desenvolvemento e innovación ou en infraestruturas do medio rural, entre outras actuacións fundamentais para a capitalización económica do país. Porén, ano tras ano o capítulo de investimentos dos orzamentos mingua, unha decisión que non axuda a combater a crise.

Retrocesos sociolaborais

O sindicato lembra que co PP nos Gobernos do Estado e de Galicia estamos a experimentar «o maior retroceso en dereitos laborais e sociais que se lembra». Ademais, «co pretexto do discurso baleiro e falaz da austeridade», están a practicar unha serie de recortes económicos que «prexudican os sectores máis desfavorecidos da cidadanía». A estratexia seguida consistiu en deteriorar e privatizar servizos públicos, desmantelando así o estado social, e en reducir as partidas relacionadas co emprego público e as transferencias a familias, empresas e institucións sen ánimo de lucro.

Neste escenario, CCOO presentou propostas alternativas que non foron asumidas polo Goberno. Así as cousas, nos últimos meses, o sindicalismo de clase protagonizou numerosas accións reivindicativas que tiveron o seu punto culminante na folga xeral do pasado 29 de marzo, seguida masivamente, e os actos de protesta aínda continúan estes días. É unha campaña de mobilización sostida que sumou xa milleiros de apoios en toda Galicia. Porén, o día 21 de outubro «a cidadanía non só vai ter a palabra, senón a posibilidade de decidir».

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2012