Preto de 3000 persoas reclamaron diante da Xunta uns servizos públicos e de calidade


9 feb 2012



9-2-2012.- Preto de 3000 persoas protagonizaron este mediodía unha marcha diante da sede central da Xunta de Galicia, en Santiago de Compostela, para reclamar uns servizos públicos e de calidade. Convocadas por CCOO, UGT, CIG e CSI-F, proclamaron consignas contra a política de deterioración dos servizos públicos e a favor da dimisión do presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo.



Arredor das 12:20, representantes dos catro sindicatos presentaron no rexistro central da Xunta de Galicia un escrito no que solicitan a retirada do anteproxecto de lei de medidas no emprego público, no que se prevén actuacións como reducir a xornada ata un terzo —coa consecuente mingua do salario— ou non aboar o complemento ao persoal de baixa os primeiros 21 días.

Como se anunciou hai só dous días, as accións de protesta continuarán os dous próximos xoves de febreiro, días 16 e 23. Nesta última data, as empregadas e empregados públicos están chamados a protestar nas sete grandes cidades do país ás 19 horas.

O coordinador da Área Pública de CCOO Ramiro Otero, lembra que nos últimos tres anos o salario das empregadas e empregados públicos minguou un 13%, e que tamén os orzamentos estatais posiblemente apliquen novos recortes neste ámbito, polo que insta a adoptar medidas no sentido de incrementar os ingresos, tanto pola vía dos impostos como loitando contra a fraude fiscal.

No caso de a Xunta se negar a rectificar, Otero sinalou que as organizacións sindicais non desbotan unha folga no sector público.