Así é a reforma laboral da función pública


9 feb 2012






A Consellería de Facenda anunciou hai unha semana o seu propósito de efectuar unha profunda reforma das condicións laborais do persoal dependente da Administración autonómica, baixo o título de Anteproxecto de Lei de medidas no emprego público. Tras esa declaración de intencións, remitiu o anteproxecto ás organizacións sindicais e ás entidades públicas financiadas pola Xunta (Administración de Xustiza, SERGAS, Universidades, entes e organismos autónomos) e abriu un prazo de alegacións. Algunhas voces do Partido Popular piden un prazo maior para negociar cos sindicatos e dese xeito atenuar a contestación social, especialmente nun ano que se prevé electoral.

Estas son as principais medidas destinadas a recortar o gasto público en persoal:
  1. Redución salarial por baixas médicas. Sen dúbida, este é o punto máis conflitivo e que provoca un rexeitamento máis acirrado por parte dos traballadores. Durante os primeiros 3 días de baixa, elimínanse todas as retribucións; a partir de aí e até os 21 días de baixa, percibirase o 60% do salario, por conta da Seguridade Social; só despois do 21º día de baixa, o traballador terá dereito á percepción íntegra do seu salario, incorporando ao mencionado 60% o restante 40% que lle corresponde pagar á Xunta de Galicia. Un exemplo: un traballador cun salario de 1.500 € /mes que necesite coller unha baixa médica de 5 días, perderá 190€ (-12,7%); se a baixa é de 10 días, a perda ascenderá a 290€ (-19,3%); e se é de 21 días, o seu salario verase diminuído en 510€ (-34,0%).
    Esta disposición, nun primeiro momento, afectará exclusivamente ao persoal contratado non funcionario e ao persoal funcionario do réxime xeral, xa que para facela extensiva aos funcionarios do réxime especial sería necesario modificar lexislación estatal. Os funcionarios en prácticas terán o tratamento que corresponda ao corpo no cal desenvolven as súas funcións, sen diferenza co funcionariado de carreira.
  2. Redución de xornada e de salario ao persoal interino. A Xunta poderá reducir até nun 33% a xornada laboral do persoal interino, cunha redución proporcional do salario. Nun principio, esta medida será de aplicación somente a aquelas persoas que se acollan a ela voluntariamente.
  3. Modificación unilateral do convenio colectivo vixente. Afecta ao persoal laboral en tres diferentes aspectos: a eliminación dos descansos por tempo traballado en domingos e festivos, a supresión dos períodos de descanso de Nadal e Semana Santa, e mais a supresión do dereito a comedor.
  4. Supresión do Fondo de Acción Social. Esta partida, orzamentada en 9 millóns de euros para o presente exercicio, estaba destinada a proporcionar axudas sociais ao persoal dependente da Xunta, tanto funcionario como laboral. A pesar de que tal fondo foi pactado coas centrais sindicais hai un mes, a intención de Facenda é eliminalo por completo, salvo nos casos de axudas por incapacidade. Isto suporá unha redución de 7 millóns de euros na correspondente partida.
  5. Xubilación forzosa aos 65 anos. Mentres que até agora había a posibilidade de permanecer no posto de traballo até os 70 anos, a partir da reforma a xubilación será compulsoria á idade máxima de 65 anos. Isto suporá a eliminación da maior parte das prazas que queden vacantes por esa vía, xa que a intención da Xunta é repoñer como máximo un 10% delas.
  6. Incremento da xornada laboral. Cada traballador deberá cumprir unha xornada de 37,5 horas semanais, o que supón un leve incremento nalgúns sectores e a manutención da carga horaria que xa estaba en vigor noutros.
  7. Redución dos días de asuntos propios. Na maioría dos sectores, até agora cada funcionario contaba con 9 días de libre disposición ao largo do ano, que coa nova normativa serán reducidos a un máximo de 6. Con todo, hai sectores como o do ensino onde esa cifra xa hai tempo que é ben menor.
  8. Eliminación do plus de altos cargos. Un complemento que nunca foi ben aceptado pola opinión pública, e que suprimirá Feijoo cando foi el mesmo quen desde a oposición propuxo a súa creación. Até agora, só o recibía unha pequena parte dos antigos altos cargos: aqueles que, sendo funcionarios de carreira, desempeñaron funcións directivas na Administración durante polo menos 2 anos; a partir da reforma, deixarase de abonar o complemento, mesmo que aínda non foi derrogada a norma que o instaurou.

Ademais das medidas reseñadas nos puntos anteriores, a Xunta comunicou nos últimos días que pretende proceder ao peche das listas de substitucións en Sanidade e Xustiza: isto supón que as baixas neses sectores non serán cubertas, o que poderá implicar un aumento da carga de traballo por persoa e do deterioro da atención ao público. Outra decisión tamén anunciada recentemente, coa que se completa o decálogo ao cal fixo referencia a Conselleira de Facenda hai unha semana, consiste en conxelar polo menos durante este ano todas as convocatorias de emprego público.

A reacción sindical

Os catro sindicatos maioritarios na función pública (CCOO, CIG, CSI-F e UXT) asinaron un manifesto conxunto, ao cal se adheriron numerosos comités de empresa, e anunciaron mobilizacións en contra das medidas propostas pola Xunta de Galicia. Hoxe mesmo, a partir das 12h do mediodía, un grupo de delegados sindicais manifestarase enfronte ao edificio administrativo de San Caetano, onde tamén farán entrega dun escrito conxunto no que solicitan a retirada do Anteproxecto de Lei, ao cal renunciaron a presentar alegacións.

Durante todos os xoves do mes, continuarán as mobilizacións: xa están convocadas as do día 16, en que se chama os traballadores e traballadoras a se manifestaren diante dos seus centros de traballo ás 11:30h da mañá; e mais a do día 23, cando se realizarán concentracións nas sete principais cidades do país, ás 19h. A estas accións está previsto que se sumen tamén outras centrais sindicais minoritarias e sectoriais.

Os sindicatos rexeitan unanimemente varias das medidas propostas por Facenda e inciden en que a modificación dun convenio colectivo en vigor non pode facerse a través dunha lei, polo que é máis que previsible que se produza unha batalla xudicial. Ademais, está en estudo a posibilidade de convocar unha folga xeral dos servizos públicos, aínda que antes as organizacións sindicais prefiren esgotar as posibilidades de que a Xunta habilite unha marxe suficiente para a negociación das medidas.

Actualización 16.00

Finalmente o Consello da Xunta non debateu este xoves a reforma da función pública, que continúa en negociación. Os sindicatos mobilizáronse ao mediodía diante da sede da Xunta, en San Caetano.



Publicado en http://praza.com

Enlace permanente: http://goo.gl/rK9lZ