Peche de delegados e delegadas de CCOO, CIG, UGT e CSIF


27 feb 2012



27-2-2012.- Delegados e delegadas de CCOO, CIG, UGT e CSIF, acompañados por traballadores e traballadoras do sector público de Galicia, protagonizarán a partir das 14:30 un peche nos edificios administrativos da Xunta de Galicia na Coruña, Ferrol, Pontevedra, e Vigo, así como nos Servizos Centrais da Xunta, en Santiago de Compostela.

Este acción reivindicativa forma parte da campaña de mobilización contra os recortes que quere aplicar o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mediante a aprobación mañá martes, no Parlamento, do anteproxecto de Lei de medidas no emprego público de Galicia.

Precisamente, mañá, a partir das 10 horas, as organizacións sindicais teñen convocada unha concentración de traballadores e traballadoras do sector público de Galicia diante do Pazo do Hórreo para manifestaren o seu rexeitamento ás medidas que quere aplicar o Goberno galego. Cualifican a decisión da Xunta de «recorte de dereitos laborais dos empregados e empregadas do sector público galego», e denuncian a deterioración dos servizos públicos.

CCOO, CIG, UGT e CSIF reclaman a retirada deste proxecto de Lei e a apertura dunha mesa de negociación para falar de aforro e presentar as alternativas que manexan e que evitan cargar co esforzo ao persoal do sector público de Galicia.