Substitucións. Modificación da Orde


16 ene 2012



No Diario Oficial de Galicia número 10, do 16 de xaneiro de 2011, publícase a ESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2011, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se modifica a Resolución do 7 de maio de 2008 pola que se regulan as substitucións entre funcionarios ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.


 Descargar PDF



Texto da Orde

Pola Resolución do 7 de maio de 2008, da Dirección Xeral de Xustiza (DOG n.º 93, do 15 de maio), regulouse a provisión de forma temporal mediante substitucións dos postos de traballo reservados aos funcionarios integrantes dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza; sistema previsto no artigo 74.1 do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do dito persoal. A través da dita resolución reguláronse, así mesmo, as atribucións de funcións entre os membros do corpo de auxilio xudicial da mesma localidade, previstas no artigo 39.2 do dito regulamento.

No tempo transcorrido desde a entrada en vigor da dita resolución, diversas circunstancias aconsellan a súa modificación; particularmente, a derivada da execución da Sentenza n.º 510/2011, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Esta sentenza fai especial fincapé na necesidade de posuír a titulación requirida no grupo correspondente ao posto a que se accede por substitución, requisito que non se establecía na orde que se modifica e que agora pasa a ser condición indispensable para acceder á substitución. Así mesmo, adecúase o texto da orde no punto de retribucións ao disposto na citada sentenza, de xeito que se elimina o concepto de produtividade, substituíndoo por unha cantidade adicional vinculada ao incremento da responsabilidade que implica a substitución nun corpo superior.

Polo anteriormente exposto, e logo da negociación coas organizacións sindicais na mesa sectorial da Administración de xustiza,

DISPOÑO:

Modifícase a Resolución do 7 de maio de 2008, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se regulan as substitucións entre funcionarios ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, nos seguintes termos:

Primeiro. O artigo cuarto queda redactado como segue:

«Artigo 4. Requisitos dos aspirantes.

1. Poderán solicitar as substitucións, con exención de funcións nos seus postos, os funcionarios de carreira dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza con destino en órganos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, que estean en situación de activo e prestando efectivamente servizo en xulgados, tribunais, fiscalías ou outros órganos da Administración de xustiza.

2. No caso das substitucións verticais: para ser nomeado substituto no corpo inmediatamente superior será preciso estar en situación de servizo activo no corpo ou escala que se vai extinguir nun posto de traballo dalgún dos centros de destino a que se refire o anterior parágrafo e estar en posesión da titulación académica exixida para acceder ao posto superior que é obxecto de substitución».

Segundo. O artigo quinto queda redactado como segue:

«Artigo 5. Tramitación das substitucións verticais.

1. Cando se produza a necesidade de cubrir unha praza desocupada polos motivos a que se refire o punto primeiro desta norma e na unidade estean destinados funcionarios do corpo de tramitación, no caso de tratarse dunha praza de xestor, ou do corpo de auxilio xudicial, no caso de tratarse dunha praza de tramitador, o director funcional publicará durante tres días hábiles un aviso de desocupación do posto no taboleiro de anuncios da unidade, segundo o modelo que figura no anexo I desta norma, co fin de que as persoas interesadas da unidade na substitución poidan presentarlle as súas solicitudes. Transcorrido este prazo, o director funcional remitiralle á Dirección Xeral de Xustiza todas as solicitudes presentadas polas persoas interesadas de acordo co establecido no punto seguinte, acompañada da solicitude que se recolle no anexo III.

2. Cando non se efectúe ningunha solicitude dentro da propia unidade, o director funcional porao, de xeito inmediato, en coñecemento da Dirección Xeral de Xustiza, e esta publicará o aviso na intranet durante tres días hábiles, co fin de que as persoas interesadas na substitución vertical do mesmo centro de destino, localidade ou partido xudicial poidan presentar as súas solicitudes segundo o modelo do anexo II desta resolución. Estas solicitudes poderanse presentar a través de calquera dos medios previstos na lei; en todo caso, deberanse anticipar por fax ou realizar a través do portal do empregado público.

3. Cando houbese varias persoas interesadas, a preferencia entre elas determinarase segundo os seguintes criterios: primeiro os da unidade, despois os do centro de destino, logo os da mesma localidade e, finalmente, os do resto do partido xudicial. Dentro de cada un destes grupos terá preferencia, en primeiro lugar, o que teña máis servizos prestados e, de persistir o empate, o que teña mellor posto na escala».

Terceiro. O artigo oitavo queda redactado como segue:

«Artigo 8. Retribución.

1. Os funcionarios que realicen a substitución nun corpo inmediato superior terán dereito ás retribucións complementarias do posto que desempeñen por substitución, segundo o previsto no artigo 74.5 do Real decreto 1451/2005. Ademais, percibirán unha contía adicional polo incremento da responsabilidade inherente ao novo posto, que será de 197 euros mensuais no caso do tramitador en substitución de xestor, e de 84 euros mensuais no caso do auxilio en substitución de tramitador.

2. Estas cantidades non teñen o carácter de consolidables e actualizaranse de acordo co previsto nas leis de orzamentos xerais do Estado e da comunidade autónoma».

Cuarto. Recursos.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso de reposición ante o director xeral de Xustiza no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente no prazo de dous meses. Ambos os dous prazos contaranse a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2011.

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza