Xoves día 6 de outubro, cuarta Xornada Mundial polo Traballo Decente


5 oct 2011


05-10-2011.- Mañá xoves, día 6 de outubro, terá lugar a cuarta Xornada Mundial polo Traballo Decente (XMTD). O acto principal será unha manifestación en Vigo que partirá ás 19:30 do cruzamento da Vía Norte con Urzáiz. A marcha estará encabezada polo lema «O traballo decente non é un privilexio. O emprego e as persoas, o primeiro».

A continuación reproducimos o manifesto asinado por CCOO, UGT e a Confederación Sindical Internacional con motivo desta cuarta XMTD.

* * * * *


Xornada Mundial polo Traballo Decente

O emprego e as persoas, o primeiro

O TRABALLO DECENTE NON É UN PRIVILEXIO

A Confederación Sindical Internacional (CSI) aprobou no seu Congreso fundacional (Viena, 2006) a celebración dunha Xornada Mundial polo Traballo Decente (XMTD), o 7 de outubro de cada ano.

O concepto de «traballo decente», cuñado pola Organización Internacional do Traballo (OIT), refírese ao que se realiza respectando os convenios proclamados fundamentais por esta organización en 1998 —liberdade sindical, dereito de folga e negociación colectiva, prohibición do traballo infantil e do traballo forzoso, e prohibición de toda forma de discriminación laboral— e que, ademais, é un traballo que se fai baixo contrato, cunha remuneración xusta e o dereito a unhas prestacións sociais básicas.

As XMTD tentan chamar a atención aos poderes políticos e económicos, nacionais e internacionais, e ás sociedades, sobre as moi difíciles condicións en que o modelo neoliberal de globalización mantén a unha maioría da poboación traballadora do noso planeta. Tamén tiveron un carácter reivindicativo na súa esixencia de universalización dos dereitos fundamentais do traballo.

A CSI considera, con toda razón, desde unha posición internacionalista, que só a loita en común dos traballadores e traballadoras de todo o mundo a prol do traballo decente permitirá alcanzar os dereitos do traballo e unha vida digna ás persoas que hoxe non a teñen e, asemade, mantérllelos ás que os acadaron e se ven sometidas arestora, nos países desenvolvidos, a unha forte ofensiva para deterioralos.

Desde 2008, a profunda crise económica mundial que padecemos, provocada pola cobiza sen límites dos especuladores financeiros e inmobiliarios e a falta de regulacións económicas e de goberno democrático do mundo, produciu un notable incremento do desemprego e unha deterioración das condicións de traballo na maioría das nacións. Perdéronse preto de 40 millóns de empregos; o número de persoas sen traballo subiu a 205 millóns, e o de traballadoras e traballadores precarios a 1.450 millóns, case a metade das que traballan no mundo. En Europa, o número de persoas paradas ascende a 23 millóns e en España andamos preto dos cinco millóns, entre elas, o 46% da xuventude menor de 25 anos.

Antes da crise, o programa da ONU para alcanzar os chamados Obxectivos do Milenio pretendía, entre outras cosas, que o número de persoas que no mundo vivían na pobreza absoluta, que leva consigo a malnutrición, se reducise en 2015 á metade dos 800 millóns que daquela había. ¡Hoxe son xa 1.000 millóns! Para acadar o obxectivo faltaban por poñer 50.000 millóns de dólares de axuda. Non os houbo, e iso que era só ¡o un por cento do que se leva gastado no salvamento do sistema financeiro mundial!

Malia a gravísima situación que a economía e o emprego viven en Europa, desde maio do ano pasado as institucións da UE e os gobernos nacionais europeos eliminaron dos seus obxectivos a recuperación do crecemento das economías e a promoción do emprego.

Incapaces de xestionar a longa crise das débedas soberanas, a pesar de existiren medidas para isto, só consideran como obxectivos das súas «políticas de recortes» a redución dos déficits públicos e das débedas públicas. Non só iso: contra toda evidencia, afirman que a creación de emprego se producirá polas chamadas «reformas estruturais», que non pretenden outra cosa que diminuír os custos laborais, as prestacións sociais e o custo dos servizos públicos (a través, mesmo, da súa privatización), e debilitar a negociación colectiva e a forza dos sindicatos.

Quer dicir, quérennos impoñer como solución todo o peor das fracasadas políticas neoliberais que nos levaron á crise. E, por riba, colocaron a Europa ao bordo dunha nova recesión porque os brutais axustes orzamentarios, en prazos moi curtos e sen consenso social, terminan por afundir as economías sen poder reducir os déficits.

A desapiadada perda de emprego está a privar a clase traballadora da súa fonte básica de ingresos, e algunhas reformas adoptadas polos Gobernos ao ditado dos intereses dos poderes e mercados financeiros están atacando os tres piares do traballo decente: dereitos, protección social e negociación colectiva.

O desemprego, o paro de longa duración, o crecemento da temporalidade e a precariedade… están arrequentando as desigualdades sociais e empurrando un número crecente de persoas a situacións de pobreza e exclusión.

A reforma laboral de 2010, a eliminación do límite ao encadeamento de contratos temporais e o novo contrato de formación para xente nova aprobados polo Goberno no límite do seu mandato, xunto coa perda de cobertura da protección por desemprego como consecuencia da prolongación da crise e os drásticos recortes do gasto público que están a aplicar comunidades autónomas e concellos, e que ameazan o mantemento de servizos e prestacións sociais básicos, están rebaixando as condicións de vida da cidadanía e poden levarnos a unha quebra social inxustificable.

Finalmente, o salario, un dos principais indicadores do traballo decente, amosa tendencias de evolución igualmente preocupantes: se en 2008 a porcentaxe de persoas que tiñan un salario igual ou inferior ao salario mínimo interprofesional (SMI) era do 8,9 por cento, en 2009 esa porcentaxe subiu ata chegar ao 10 por cento sobre un total de 15.256.200 asalariados/as. Máis de un de cada cinco traballadores con baixa remuneración (21 por cento) vive en fogares con ingresos que están por baixo do limiar de pobreza.



Para UGT e CCOO é unha prioridade situar en primeiro lugar as persoas, e, polo tanto, o emprego e as prestacións sociais, a defensa dos servizos públicos fundamentais, en particular a educación e a saúde, e o dereito á negociación colectiva.

CCOO e UGT consideramos que hoxe, máis ca nunca, cómpre mobilizarse na Xornada Mundial polo Traballo Decente, unindo as reivindicacións dos traballadores e as traballadores españois e europeos co rexeitamento ao modelo neoliberal de saída da crise e a esixencia de universalización do traballo decente.

O traballo decente non é un privilexio.

CSI - CCOO - UGT