O Consello da Xunta aproba o calendario laboral vixente para o ano 2012


1 jul 2011




- O 1 de xaneiro coincide en domingo, polo que se permite engadir como festivo autonómico o 17 de maio, día das Letras Galegas, que se suma así ao 25 de xullo, Día de Galicia

- En total, serán doce días festivos entre os nacionais e os autonómicos, máis as dúas xornadas de festas locais

O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de decreto polo que determina o calendario laboral para o ano 2012 en Galicia. Esta axenda recolle tanto os festivos nacionais como os autonómicos, de xeito que son, en total, doce días festivos de carácter retribuído e non recuperable.

As comunidades autónomas teñen a facultade de opción ou substitución de festivos por outros que pola súa tradición lle son propios. En Galicia óptase polo 25 de xullo, Día de Galicia, e, sempre que o calendario anual o permita por coincidir en domingo algún festivo estatal, pódese declarar festivo outro día, que por orde de preferencia sería o Día das letras galegas.

Precisamente, ao coincidir o 1 de xaneiro en domingo, a Comunidade Autónoma de Galicia opta por substituílo polo 17 de maio, Día das Letras galegas. Deste xeito, súmase ao outro festivo autonómico (25 de xullo, Día de Galicia).

Polo tanto, o calendario laboral quedará configurado así:

6 de xaneiro - Día de Reis
5 de abril - Xoves Santo
6 de abril - Venres Santo
1 de maio - Festa do Traballo
17 de maio - Día das Letras Galegas
25 de xullo - Día Nacional de Galicia
15 de agosto - Asunción
12 de outubro - Día da Hispanidade
1 de novembro - Todos os Santos
6 de decembro - Día da Constitución
8 de decembro - A Inmaculada
25 de decembro - Nadal

A estes días haberá que sumar as dúas festas locais, que dependerán en cada caso dos distintos concellos, e que serán publicados tanto nos boletíns oficiais da provincia como no Diario Oficial de Galicia (DOG).