CCOO condena o atentado contra a UGT da Coruña e a agresión a un compañeiro dese sindicato


5 may 2011


05-05-2011.- O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) exprésalle a súa solidariedade e afecto á persoa que resultou hoxe ferida por un grupo de descoñecidos no «asalto» perpetrado esta mañá á sede da UGT da Coruña. O secretario xeral de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, lamenta que «levabamos tempo advertindo da escalada de violencia contra o sindicalismo de clase».

En opinión do dirixente sindical, é de «extrema preocupación» o paso que se deu no último ano de ataques a sedes e vivendas ata, agora, o ataque directo a unha persoa. Por este motivo, Sánchez Aguión reclama «poñer freo canto antes» a estas situacións porque, do contrario, «calquera día teremos que lamentar unha desgraza irremediable».

Precedentes

Durante o ano pasado e no que levamos de 2011, sedes de CCOO e da UGT, e mesmo vivendas de persoas próximas a ambas as organizacións, foron obxecto de atentados con artefactos incendiarios, «tentativas de amedrentar», sinala Sánchez Aguión, que foron acompañadas en numerosas ocasións con pintadas «de ton claramente ameazante». Algunhas destas mesmo expresamente reclamaban «lume» contra os dous sindicatos, «algo que algúns parecen tomar de xeito literal», sinalaba hai escasos días despois dun ataque con cóctel molotov contra a sede ferrolá da UGT.