Falece o escritor Ernesto Sábato


30 abr 2011


Publicado en www.xornal.com

A menos de dous meses de cumprir cen anos faleceu o escritor Ernesto Sábato na súa casa de Santos Lugares, onde permanecía recluído desde facía anos por mor dos seus problemas de saúde, segundo informaron achegados ao autor. O escritor ía ser homenaxeado mañá na Feira do Libro, que se realiza no predio de La Rural.

Sábato, quen era último sobrevivente dos escritores con maiúscula da literatura arxentina, estaba xa practicamente cego, o que o mantiña retirado na súa residencia de Santos Lugares.

O autor naceu en Rojas, provincia de Bos Aires, Arxentina, en 1911. Entre os seus títulos académicos atópanse un doutoramento en Física e varios cursos de Filosofía na Universidade da Prata.

Traballou no Laboratorio Curie, en París, e abandonou definitivamente a ciencia en 1945 para dedicarse exclusivamente á literatura.A fama non lle chegaría até o ano 1961, cando publica Sobre heroes y tumbas, segunda parte dunha triloxía completada por Abaddón el exterminador (1974) e El tunel (1948). Ademais, ao longo da súa traxectoria literaria destacan outros títulos como Uno y el Universo ou Heterodoxia.

Entre os múltiples galardóns que recibiu, destacan o Premio Cervantes, en 1984, ou o Menéndez Pelayo (1997).

O escritor tamén tivo unha fonda significación política, pois foi o responsable do coñecido como Informe Sábato ou Nunca máis, sobre os crimes da ditadura militar arxentina, que elaborou durante a súa etapa á fronte da Comisión Nacional sobre Desaparición de Personal.

Enlace permanente