Un artigo de Xesús Palmou publicado en www.xornal.com
Xesus Palmou |
Non dubido do interese ou empeño dos distintos gobernos do Estado, ao longo dos máis de trinta anos de réxime constitucional, por mellorar unha das súas funcións esenciais, a función xurisdicional. Porén, tampouco sería rigoroso obviar que moitos dos supostos intentos por conseguir esa mellora, a través de reformas lexislativas, lonxe dun avance na boa dirección, supuxeron un retroceso que, seguramente, sería preciso corrixir antes de seguir adiante.
Supuxo un enorme retroceso a supresión da xustiza municipal ou de distrito que, dende a proximidade e con xuíces profesionais, facía fronte a un gran número de litixios que afectaban a cuestións de escasa contía pero de moito interese para os cidadáns, deixando a segunda instancia para os xuíces de Primeira Instancia e Audiencias Provincias, de superior xerarquía e capacitación. Con posterioridade, houbo un intento de remediar o erro coa creación da chamada xustiza de proximidade que, lonxe de resolver o problema, introducía outro elemento de distorsión e ataque a independencia a través da participación, case discrecional, do poder executivo no nomeamento destes xuíces.
Tampouco foi acertado o cambio no procedemento para a provisión de vacantes no Consello Xeral do Poder Xudicial adoptando, como único, o sistema de cooptación que contribúe tamén á politización do máximo órgano do goberno dos xuíces, con posible incidencia na súa necesaria independencia, sen que ata o de agora se teña feito nada para remediar esta eiva.
Posibles consecuencias negativas
Hoxe, estamos ás portas doutra reforma que pode ter consecuencias negativas nos principios constitucionais de tutela xudicial efectiva e de igualdade, de todos ante a lei. Limitar o acceso a unha segunda instancia a todos os asuntos que non acaden unha contía de seis mil euros na xurisdición civil ou cincuenta mil na xurisdición contenciosa incide claramente na tutela xudicial efectiva.
Se ben é certo que non impide o acceso á xustiza, si que inflúe na necesaria garantía do acerto nas decisións xudiciais, que se ve afectada nun elevado número de asuntos que quedan por debaixo do limiar fixado. Pero ademais, a incidencia no principio de igualdade real e efectiva de todos os cidadáns ante a lei, resulta evidente e incuestionable.
Xustiza e economía
A Administración de Xustiza concrétase en actos que lles afectan aos cidadáns individualmente considerados e, en consecuencia, dende este punto de vista, a importancia da contía litixiosa hai que poñela en relación coas circunstancias dos seus destinatarios, e así, serán mas importantes seis mil euros para un indixente que cen mil para un economicamente potentado. De ser así, que razón existe para que os que teñen menos poder económico teñan tamén menos garantías xudiciais? Dende o punto de vista social, tampouco parece razoable que teña máis garantías un número inferior de cidadáns que litigan por contías altas, fronte a un número máis elevado que litigan por contías inferiores. Trátase acaso de garantir a xustiza para ricos?
Non podemos esquecer que, aproximadamente, o 20 % das resolucións xudiciais apeladas, resultan revocadas polo órgano xudicial superior. En consecuencia, esta medida consagra o erro nese vinte por cento de resolucións.
Os mesmos argumentos son aplicables a limitación ao acceso ao Recurso de Casación ante o Tribunal Supremo, que pasa de cento cincuenta mil euros a oitocentos mil, en lugar de definir o interese casacional como determinante do acceso a este recurso. Semella que nas contías inferiores non se cometeran erros na aplicación do dereito.
Pero neste caso, ademais, desprézase unha medida que, sen incidir no acceso á casación, si contribuiría a racionalizar o funcionamento do Poder Xudicial no seu conxunto, evitando o colapso do Tribunal Supremo. Non existe ningunha razón para que os Tribunais Superiores de Xustiza das Comunidades Autónomas non teñan máis competencias en materia de casación, esgotando así a vía xurisdicional, salvo nos casos de unificación de doutrina en todo o territorio, que si debe quedar garantida polo Tribunal Supremo.
Fiabilidade
En resumo, non se vai a mellorar a xustiza con medidas que traten de evitar o colapso cernando dereitos dos cidadáns no acceso as distintas instancias xudiciais, e moi especialmente, cando esta limitación se fai en claro prexuízo dos economicamente máis débiles. Non é de recibo conseguir máis axilidade na xustiza a costa da súa calidade e fiabilidade, en definitiva, das garantías do noso sistema xudicial, especialmente se temos en conta que o atasco está, precisamente, na primeira instancia e non tanto nos recursos de apelación, que foron reformados, na boa dirección, cando se introduciu a forma escrita e se suprimiron as vistas orais.
Estamos a tempo de rectificar e non cometer un novo erro que afaste, aínda máis, a xustiza dos intereses da maioría dos cidadáns, en función do seu poder económico.
Enlace permanente