As lembranzas dun neno "bazanero"


8 mar 2011


Hoxe pola rúa xa o coñecen como "o cachondo de Buenafuente" pero Alfonso Tellado é todo un loitador da vida. Galicia Confidencial estivo con el en Bouzamaior esa aldea que ao showman televisivo lle custaba lembrar. E alí nos falou da súa experiencia con Buenafuente pero, sobre todo, da organización e loita obreira en Bazán e da súa nova vida nunha aldea de oito veciños. Vídeo no interior.


Alfonso Tellado
Bazán foi durante moitos anos o corazón da comarca de Ferrolterra e o epicentro do movemento obreiro galego. Alfonso Tellado foi partícipe de toda esa revolución social que acompañou aos asteleiros ferroláns a pesares de que hoxe olle todo coa nostalxia de ver como se vai esfalerando paseniñamente a sociedade dos valores que el axudou a construir.

"Eu son tataraneto dun bazanero, neto dun bazanero, fillo dun bazanero, por parte de pai e nai, e nos preparaban na escola pública para ser traballadores da Bazán e iso me marca o resto da vida porque tiven a sorte de entrar por oposición", lembra para as cámaras de Tingalaranga TV.

O mundo de Tellado foi sempre o da industria pero nunca deixou de lado eses montes e esa rica terra que rodeaba o mar de Ferrol. Traballou en Bazán, na construcción da Térmica das Pontes e viviu en primeira persoa a crudeza das mobilizacións obreiras dos 70 coa morte de moitos compañeiros, como a de Moncho Reboiras, hoxe un icono para a UPG.

"Fíxenme un home"

"Daquela non era como agora. Eu entrei en Bazán con 14 anos pero Bazán era Ferrol, era Caranza, onde vivín e onde me fixen un home. E marcoume o presente e o futuro porque entón, con 14 anos, ao traballar alí xa sabía cando me ían xubilar e canto ía cobrar. Entón había un fondo interno de pensións e unha estrutura social de empresa. Fixemos os mellores barcos do mundo. Eso era o que dicía o Réxime e tamén nos tentaba meter iso do espírito nacional, pero con iso, non podían".

Era case un cativo cando entra a traballar. No 67 remata a formación profesional dentro de Bazán e cando o van facer operario, despiden aos traballadores do curso anterior a el. Era a primeira vez que pasaba. Comezaba, con crudeza, a loita polos dereitos dos traballadores. Entón o seu pai xa morrera, e a súa nai, para subsistir, fregaba casas e bordaba bandeiras españolas para o cuartel que tiñan en fronte.

500 vasectomías

Foi entón cando comezou a militancia obreira do neno-home de Bazán. Axudou a crear un centro de psiquiatría extrahospitalaria, de medicina social. "Tocabache esa parte da vida. Agora queren que os mozos se metan nos botellóns. Todo contigo, pero sen ti, como o lema da ilustración de 'todo para o pobo pero sen o pobo'".

"Ferrol é a capital da vasectomía do mundo e do cancro de pulmón do mundo", rememora. Por iso, axudou a que 500 compañeiros se fixeran a vasectomía na súa casa, "con todas as garantías sanitarias", lembra. E iso, en época de Franco, onde limitar a reproducción estaba considerado un delito. Por iso tivo a Policía vixiandolle a casa durante días. "E sementaban mentiras e falaban de 'castrados' e que se nos cambiaba a voz".

Represión e morte

Despois chegou a represión. "Fun despedido no ano 72. Deixeime ir. Tiñas que participar. O elemento principal era a participación. Todos participaban. Non podes agocharte detrás dunha máquina. Aquilo era movemento obreiro. En que quedou daquilo... Se non me fas a pregunta, mellor".

Tellado lembra como "moitos" deron a vida pola defensa das liberdades. "E hai que poñer en valor aquela xente; Paco Filgueiras, Paco el Negro, Pillado... Non podo deixar de dar as grazas e serán poucas porque a sociedade no paga correctamente, porque, logo, os resultados collerono outros", rememora.

Por iso agora non quere falar de en que quedou todo aquilo. "Sindicalistas?. Iso creouse máis tarde. Son profesionais diso. Pero eu non".



Unha nova vida

Logo dunha longa enfermidade deciden prexubilalo e, entón, acorda deixar Ferrol, e Caranza, o barrio onde se fixo un home. Compra casa en Bouzamaior, parroquia de Eigrexa Feita, no concello de San Sadurniño, e comeza a súa etapa de neno labrego, compartindo a vida con outros loitadores, os do campo. "Isto ten un compoñente extraordinario que son os veciños", admite.

E tamén agradece a implicación do concello porque lles axudou a instalar placas solares, a que teñan Internet ou a instalar pequenas plantas de compostaxe. Unha vida vella adaptada á modernidade da que tamén participan as ovellas. "Un non se aílla do resto da sociedade pero as nosas aldeas se teñen que transformar porque son o o noso País. Os terreos teñen que servir tamén para os nosos fillos, pero non para recalificar e facer uns chalecitos de fin de semana, senon para vivir".

"Eu quero ao meu País"

Toda unhas vivencias que se resumen na súa global concepción da vida. "É nacionalista?", tal e como lle preguntou Buenafuente no programa. "Chámelle como queira. Pero eu quero o meu país. Quero desenvolver a miña vida aquí. Quero que o meu neto teña un posto de traballo e quero que aquí nos respeten. Quero estar en pe de igualdade. E con iso, chámelle vostede o que queira.como se é marcianista, de Marte... Este e un país que hai que defender e se a iso éstes lle chaman nacionalismo, pois que lle chamen como queiran".



(E aquí a partir do minuto 9)



A vida de Tellado é como a dun conto de Dickens. É un Oliver Twist que un día foi a Barcelona e, de súpeto, saíu do anonimato da man de Buenafuente. "É unha persoa seria que ten un programa de humor fabuloso, de transmisión de valores sociais e políticas, fabuloso. Eu fun alí e me atopo cunha situación que ninguén contaba, nin o propio Buenafuente. Crease un ambiente fabuloso". De aí, á fama. "Logo, nun pobo a 150 quilómetros de Barcelona e a 1.200 da miña casa veme un paisano e me berra: "ah!, usted es el cachondo de Buenafuente".

Este mércores volverá ao programa do showman catalán. Pero, a partir de agora, tamén os lectores do Galicia Confidencial poderán disfrutar das colaboracións deste "neno bazanero" . É o menos que lle podemos ofrecer logo de da súa agradable conversa e de ternos convidado a comer.

Enlace permanente